O BNG solicita que os Concellos reclamen a Albada a devolución do cobrado pola reciclaxe

O BNG solicita que os Concellos reclamen a Albada a devolución do cobrado pola reciclaxe

A Coruña, 9 de agosto de 2013.- O BNG considera irregular que os concellos da comarca da Coruña integrados no Consorcio das Mariñas continúen a cobrar os importes das taxas municipais polo servizo de recollida e tratamento do lixo a fogares e empresas cando non se está procedendo ao adecuado tratamento dos residuos por parte da empresa concesionaria Albada.

Nos últimos días, a raíz do conflito laboral que vive a empresa, o cadro de persoal de Albada fixo pública unha realidade que o BNG leva meses denunciando e o PP xa non pode opacar: a cantidade de lixo reciclada en Nostián é ínfima e o destino final da maior parte del é o seu depósito en vertedoiro ou a incineración.

Consideramos que calquera destas dúas opcións, ás que nos opoñemos pola grave agresión que supoñen contra a saúde e o medio natural, son moi vantaxosas desde o punto económico para Albada ao non implicar separación nin tratamento en planta. Polo tanto, o pagamento do canon por parte dos concellos -e a súa conseguinte repercusión no recibo a vivendas e negocios-, supón unha estafa para a veciñanza dos concellos do Consorcio (Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada).

 

O BNG anuncia que vai presentar iniciativas nos Concellos da comarca contra esta situación inaceptábel, solicitando resarcimento á empresa concesionaria, que deberá ser trasladado ás taxas indebidamente cobradas a veciños e veciñas; así como a implementación de políticas públicas que aposten seriamente pola redución e reciclaxe fronte á incineración e depósito en vertedoiro.

O BNG solicita que os Concellos reclamen a Albada a devolución do cobrado pola reciclaxe