O BNG solicita aclaracións ao Del. do Goberno pola carga policial do sábado a seareiros do Depor
A Coruña, 21 de marzo de 2016.- O BNG da Coruña, e máis concretamente a súa concelleira no Concello da Coruña, Avia Veira, vén de presentar no rexistro de Subdelegación do Goberno unha solicitude de entrevista co Delegado do Goberno de España en Galiza para esixirlle explicacións pola brutal carga policial efectuada o sábado contra centos de seareiros e de seareiras deportivistas que se atopaban diante do hotel onde se concentraban os xogadores do Dépor.
O BNG da Coruña solicita unha entrevista co delegado do Goberno de España en Galiza para esixirlle explicacións pola brutal carga policial efectuada o sábado contra centos de seareiros e de seareiras do Dépor
O pasado sábado 19 de marzo, antes do encontro entre o RC Deportivo da Coruña e o UD Levante, diante do hotel onde estaban concentrados os xogadores deportivistas, encontrábanse centos de persoas seareiros deportivistas de todas as idades -incluídas persoas maiores e mesmo nen@s pequen@s ou bebés nos seus carros- simplemente animando ao club coruñés por ter lugar ese mesmo día encontro unha vital importancia para a súa permanencia na Primeira División, sinalan as nacionalistas no seu escrito.
Veira: A Policía Nacional cargou sen que mediase ningún incidente o que provocou que resultasen feridas algunhas persoas e mais tamén unha avalancha de xente que fuxía da agresión policial polo que entendemos que o delegado do Goberno en Galiza, como responsábel da actuación deste corpo, debe dar explicacións
O Bloque salienta na súa solicitude achégase escaneada- tamén que sen mediar ningún incidente, tal e como demostran as imaxes e os vídeos gravados e emitidos mesmo pola Televisión de Galicia, os axentes de Policía Nacional que se encontraban no lugar comezaron unha carga pola que resultaron feridas moitas persoas. A carga provocou, asemade, unha avalancha de xente asustada pola reacción policial e que provocou tamén feridas entre as persoas que se atopaban no lugar e que tentaban fuxir.
A concelleira Avia Veira sinala asemade que a solicitude de explicacións directamente ao delegado do Goberno de España en Galiza débese a que este é o responsábel das actuacións do Corpo Nacional de Policía na Coruña e que polo tanto cómpre que sexa quen explique e dea conta de por que se produciu esta carga absolutamente desmedida contra unha xuntanza espontánea cun ambiente totalmente familiar e festivo de afeccionadas e afeccionados deportivistas que tan só se se atopaban alí para animar o seu equipo diante dun encontro importante para a súa permanencia en Primeira.