8 de marzo: Feminismo para transformar. Iguais nunha Galiza diferente
A Coruña, 6 de marzo de 2016.- Baixo o lema Feminismo para transformar. Iguais nunha Galiza diferente, o BNG realizará este vindeiro martes día 8, a partir das 20.00 h, diante do teatro Rosalía, un acto reivindicativo de denuncia da desigualdade e precariedade que están a vivir as mulleres.
O BNG celebrará o 8 de marzo cun acto reivindicativo baixo o lema Feminismo para transformar. Iguais nunha Galiza diferente
E é que as nacionalistas denuncian que neste marzo de 2016 a realidade continúa a evidenciar que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres e que existe un discurso falaz da igualdade conseguida que diferentes estudos, informes e enquisas desmenten ao recoller datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas.
As nacionalistas, que precisamente presentan unha moción para o Pleno de mañá, realizarán un acto reivindicativo e de denuncia da desigualdade e precariedade que están a vivir as mulleres
Precisamente, para o Pleno que se vai celebrar mañá, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción cunha serie de demandas relacionadas a dar cumprimento da Lei de traballo en igualdade das mulleres na Galiza e elaborar un Plan galego de emprego feminino, e na que se propón que o Concello da Coruña inste o goberno da Xunta de Galiza a dar cumprimento ao artigo 37 da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza e elaborar un Plan galego de emprego feminino que inclúa, entre outras medidas, axudas específicas para a creación de empresas femininas de mulleres con especial atención ás mulleres mozas e ás de máis de 45 anos e a creación dunha Renda de Inserción Laboral para mulleres desempregadas de máis de 50 anos, cunha vida laboral igual ou superior a 30 anos de cotización e que tivesen esgotado as prestacións.
Asemade, na mesma iniciativa as nacionalistas tamén propoñen o instar o goberno da Xunta a elaborar un Plan de corresponsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme a lexislación vixente.
Neste acto participaran cargos institucionais e orgánicos locais e comarcais e realizarase a partir das 20.00 h diante do teatro Rosalía
Por último, o BNG convida a participar a veciñanza da Coruña a esta actividade así como a participar en todos aqueles actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas locais e comarcais que se celebren con motivo deste 8 de marzo.