O BNG salienta que as obras en superficie da Mariña non teñen abeiro normativo e son ilegais
A Coruña, 23 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego salienta que as actuacións de urbanización da superficie da Mariña, obxecto da adenda segunda ao Convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Autoridade Portuaria para o desenvolmento da mobilidade da dársena da Mariña e o Parrote, non teñen abeiro normativo e son ilegais.
E é que estas obras proxectadas, as cales aínda están sen cuantificar economicamente, non se axustan nin ao PXOM aprobado definitivamente, nin tampouco aos documentos en trámite, tales como o PEPRI e o Plan especial de infraestruturas e dotacións. Estes últimos, o PEPRI e o Plan especial de infraestruturas, aínda que foron aprobados inicialmente, non foron resoltas polo momento as alegacións (entre elas, as do BNG) nin aprobados definitivamente.
Así, as obras de urbanización de superficie no ámbito de actuación trazado pola adenda segunda ao Convenio son ilegais porque estas obras non están amparada polo PEPRI e polo Plan de infraestruturas e dotacións, xa que habería que aprobar definitivamente estes dous documentos para levar a cabo estas actuacións de urbanización.
As nacionalistas subliñan, para alén disto, que nin o Convenio nin as súas adendas posteriores foron sometidas ao trámite de información pública, a pesar da súa natureza e implicacións urbanísticas.