O BNG manifestoulles aos traballadores de AENA en Alvedro o seu apoio contra a privatización de AENA
A Coruña, 21 de marzo de 2014.- A concelleira do Grupo Municipal do BNG, María Xosé Bravo, xuntouse na mañá de hoxe con traballadores e representantes sindicais de UGT e CCOO de AENA en Alvedro, para lle manifestar a posición contraria das nacionalistas á privatización de AENA e porse a disposición destes para levar calquera iniciativa ao Pleno.
A nacionalista afirmou que a consecuencia da privatización dos servizos públicos conleva un encarecemento destes servizos e polo tanto á cidadanía saelles máis caros. Así sinalou que a privatización de AENA suporá unha suba das taxas e unha baixada da calidade do servizo prestado.
Avogamos por que os tres aeroportos galegos operen en igualdade e de xeito complementario e que a xestión aeroportuaria galega pase a ser competencia da Xunta de Galiza
Bravo tamén aludiu ás declaracións e informes do Comité de Rutas sinalando que poñen en perigo unha saída eficiente e eficaz ao aeroporto de Alvedro e avogou porque os tres aeroportos galegos operen en igualdade e de xeito complementario. Así defendeu a postura defendida polo BNG de que a xestión aeroportuaria galega pase a ser competencia da Xunta de Galiza porque só desde aquí poderemos facer verdadeiramente unha planificación real e rigorosa, que dea respostas acaídas ás nosas necesidades.
Os traballadores de AENA, en declaracións aos medios, sinalaron que están a visitar os grupos municipais para recabar o apoio contra a privatización de AENA e contra o informe do Comité de Rutas de Galiza que pretende que os voos internacionais queden cinxidos a Santiago de Compostela, entrementres Alvedro e Peinador queden con voos só de carácter estatal.
Expuxeron que a privatización do 60% de AENA para a cidade suporá unha suba de taxas. Ademais os aeroportos que non superen os 500.000 pasaxeiros poderán ver reducido o seu horario operativo a oito horas, como o caso de Vitoria-Gasteiz, e a redución do persoal. Elemento este último, sinalaron os representantes dos traballadores, a ter en conta sobre todo despois do informe do Comité de Rutas publicado hai dúas semanas que pretende centralizar os voos internacionais en Santiago e deixar Alvedro e Peinador con voos estatais que serán os máis afectados polo AVE cando este chegue. A diminución, segundo un estudo de AENA, dun terzo da pasaxe, motivado polo AVE, poderá implicar que Alvedro, sinalaron os traballadores, quede por volta dos 500.000 e con isto a ameaza da redución do seu horario operativo.