O BNG salienta a falta de sensibilidade e de cintura do Alcalde polas súas declaracións do IBI
A Coruña, 9 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG salienta a falta de sensibilidade e de cintura do Alcalde polas súas declaracións negándose a executar os acordos do Pleno sobre a moción na que se instaba a non modificar o calendario fiscal para este ano.
O Grupo Municipal do BNG salienta a falta de sensibilidade e de cintura do Alcalde polas súas declaracións negándose a manter o calendario fiscal do IBI
E é que as nacionalistas consideran que a decisión do Goberno local de manter o pago do IBI entre maio e setembro, é a todas luces errada.
Non se trata de se a moción ten valor xurídico ou non senón do seu valor político. Trátase de que adiantar o prazo de pago dos tributos municipais é unha decisión errada, que se debe rectificar porque afecta á vida diaria da xente normal, das coruñesas e dos coruñeses, e porque do que estamos falando é de pagar un imposto que non é calderilla precisamente, son cantidades importantes que repercuten na vida diaria da veciñanza e na economía das maiorías sociais da nosa cidade, sinala Avia Veira.
As nacionalistas consideran que o Alcalde debería amosar unha maior madurez política e entender que o apoiado o luns polo BNG non ía destinado a meterlle o dedo no ollo ao Goberno Municipal da Marea Atlántica senón a tentar corrixir unha decisión que a todas luces é errada
O BNG salienta que as mocións teñen especialmente un valor político e entende que efectivamente o Goberno lle dá ese valor cando emprega a moción sobre a ampliación de Alfonso Molina e o seu apoio maioritario no Pleno para ir negociar co Ministerio de Fomento, como aval e como posicionamento xeral do Concello. O que funciona para a moción de Alfonso Molina, xa non vale para a do IBI cando estamos falando tamén dunha decisión que afecta directamente ás economías da xente normal, das maiorías sociais que viven na nosa cidade, engade a concelleira nacionalista.
Avia Veira: Non se pide máis que volver ao calendario fiscal anterior cando menos para este 2016. Sen desbotar que se puidese adiantar en 2017 cunha maior e mellor planificación e coa posibilidade de que máis xente se poida acoller ao plan de pago personalizado
As nacionalistas insisten en que non se pide máis que volver ao calendario fiscal anterior cando menos para este 2016, sen desbotar que se puidese adiantar en 2017 cunha maior e mellor planificación e coa posibilidade de que máis xente se poida acoller ao plan de pago personalizado e que así o Concello poida dispor dunha maior liquidez.
Así mesmo, o BNG entende que o Executivo local debe ter unha maior madurez para aceptar o posicionamento doutras formacións. As propostas e os posicionamentos, polo que atinxe ao BNG, non se determinan co obxecto de meterlle o dedo no ollo á Marea Atlántica, senón para tentar rectificar, neste caso, unha decisión que a todas luces é inxusta e errada e que afecta ás maiorías sociais, conclúe Avia Veira.