O BNG felicita á veciñanza de Novo Mesoiro pola loita polo colexio no barrio
A Coruña, 17 de setembro de 2015.- O BNG amosa a súa satisfación e quere trasladar os seus parabéns ao grupo de nais e pais e á asociación de veciños por conseguir que canto menos a Xunta de Galiza entenda a necesidade da construción dun complexo educativo no barrio de Novo Mesoiro. É grazas a eles e ás iniciativas realizadas durante o último ano polas cales o conselleiro de Educación, Román Rodríguez dá marcha atrás ás súas primeiras intencións de, e tal como dixo publicamente, darse un prazo de tres anos para realizar o estudo da conveniencia ou non da construción dun colexio en Novo Mesoiro.
O BNG felicita á veciñanza de Novo Mesoiro por canto menos conseguir que a Xunta recoñeza a necesidade de construír un complexo educativo no barrio
As nacionalista lembran que a veciñanza de Novo Mesoiro recolleu case 4.000 sinaturas solicitando o complexo educativo e que as presentaron a finais de marzo deste ano. Asemade, a asociación veciñal tamén ten solicitado desde antes do verán unha entrevista ao conselleiro, solicitude que nunca foi respondida, e que teñen trasladado en numerosas ocasións tanto á Xunta como ao Concello a necesidade de dotar dun espazo educativo ao barrio. Mais o Grupo Municipal do BNG tamén recorda que a demanda da veciñanza é a construción dun Centro Público Integrado (CPI), isto é un centro que teña liñas de infantil, primaria e secundaria. Neste sentido a propia configuración demográfica e urbana do barrio, na maioría parellas novas con crianzas en idade de escolarización explican esta solicitude.
As nacionalistas lembran que foi un grupo de nais e pais xunto coa asociación veciñal de Novo Mesoiro os verdadeiros responsábeis de que no barrio se vaia a facer un centro educativo
En canto ao emprazamento do CPI, a concelleira nacionalista Avia Veira coincide en que o lugar de construción do centro ten que contar co consenso da veciñanza. Mais tamén advirte da dificultade de atopar espazos para equipamentos suficientemente amplos para atender á demanda da consellaría da cesión de 10.000 metros cadrados para o complexo educativo. Un espazo para o emprazamento que reuniría as características que demanda do conselleiro sería o que hoxe en día ocupan as hortas urbanas, tanto por extensión, máis de 9.000 metros cadrados, como por cualificación no plano xeral, ao estar considerado equipamento público. Outros espazos do solo do barrio, igualmente cualificados como equipamento, son os situados ao carón do campo da fundación Johan Cruyff ou ao carón da escola infantil A Caracola que necesitarían de proxectos de edificacións de varios andares. Só espazos ao final da rúa Ribeira Sacra, ou xa fora do perímetro do propio barrio, cumprirían a condición espacial que a Xunta indica nun só andar.
O Grupo Municipal do BNG insiste, tal e como reclama a veciñanza de Novo Mesoiro, que é preciso un CPI e non un CEIP
É por isto que Avia Veira reclama do Goberno do Concello contundencia para coa Consellaría de Educación e para co conselleiro Román Rodríguez, e que non consinta que a escusa de non ter espazo no barrio paralicen a construción do CPI en Novo Mesoiro. Así mesmo, Avia Veira considera hipócrita e interesada a solicitude de terreos da Xunta, na liña de tentar paralizar calquera iniciativa cidadá con argumentos técnicos, cando a necesidade da construción dun CPI en Novo Mesoiro é evidente. E, sobre todo, tendo en conta que o Grupo Popular anunciou na campaña das municipais o seu compromiso para a construción desta infraestrutura educativa.