O BNG quere declarar "persoas non gratas" os deputados do PP que aprobaron a quita ás preferentes
A Coruña, 17 de abril de 2013.- Declarar persoas non gratas os deputados e deputadas que aprobaron a quita das participacións preferentes. Esta será unha das iniciativas que o Grupo Municipal do BNG levará ao vindeiro Pleno. A concelleira nacionalista Avia Veira presentou esta mañá en rolda de prensa a iniciativa para declarar persoa non grata o ex concelleiro da Coruña, Juan De Dios de Ruano, número 5 da lista do Sr. Negreira, e outros 14 deputados e deputadas do PP que votaron a favor da validación do Real Decreto-Lei 6/2013, que regula o mecanismo que permite a quitación e o posterior troco en accións de nula solvencia. Trátase dun ataque a man armada do que son protagonistas o Sr. Ruano e deputados como Antonio Erias ou Tristana Moraleja, que aínda na campaña electoral das xerais ían da man do Sr. Negreira, sinalou Veira, quen advertiu de que os trileiros do PP faranlles perder os seus aforros a centos de familias deste concello.
Veira explicou que a iniciativa que levará a Pleno o BNG defenderá que o Concello de Santiago rexeite o Real Decreto 6/2013 que autorizou as quitas e os canxes, que supoñen a perda do 43% dos aforros, ademais da reprobación de 15 deputados e deputadas do PPdeG que o avalaron co seu voto. Estes 15 deputados e deputadas do PP incumpriron os seus compromisos co pobo ao votar a favor deste Real Decreto que supón un atraco sobre os aforros de centos de persoas na nosa cidade e milleiros en Galiza que tiñan cartos investidos nas antigas caixas de aforro e hoxe ven como desaparecen, indicou.
??Escrache institucional para sinalar responsábeis?
Parécenos un feito gravísimo o feito de expropiar o peto de pequenas aforradoras, pois a estafa se produce a minoristas, apuntou, e ten unha grave consecuencia na economía local e galega porque son cartos que se perden. Por este motivo, engadiu, é importante que un Concello reprobe a actitude dos deputados e deputadas que votaron a favor nunha especie de escrache institucional que defende esta moción para que se poida recuperar o 100% do diñeiro.
Avia Veira explicou que este escrache institucional consiste en sinalar, con nomes e apelidos, quen son os 15 deputados e deputadas do PP elixidos nas circunscricións galegas que apoiaron co seu voto este Real Decreto que constitúe un atraco legal a milleiros de aforradoras que teñen participacións preferentes e obrigas subordinadas.?? Con quen vai estar o Sr. Negreira, coas persoas estafadas ou cos seus amigo Juan de Dios Ruano, Antonio Erias ou Tristana Moraleja?, preguntou.
Ademais, a concelleira nacionalista, que lembrou que as preferentes se legalizaron na na época de Aznar, salientou que as nacionalistas xa reclamaran no Pleno de febreiro a modificación da Lei 9/2012, de 14 de novembro, de restruturación e resolución de entidades de crédito, por permitir as quitas, e a devolución do 100% dos aforros, en cartos, e non en accións nin outros produtos financeiros, no primeiro trimestre de 2013. O PP, máis amigo da banca que das persoas aforradoras, rexeitou incorporar a moción a nosa proposta, e fíxoo mentindo, dicindo que esta lei non lles afectaba ás persoas estafadas, apuntou.
Os 15 deputados e deputadas que legalizaron a estafa
Veira advertiu de que o PP pasou de ser cómplice da banca especuladora a culpábel do espolio do aforro dos galegos e das galegas e os responsábeis teñen nomes e apelidos. As deputadas e deputados galegos quen legalizaron esta estafa para a captación de fondos de milleiros de familias que tiñan depositados os seus pequenos aforros nas entidades bancarias son: Antonio Eiras, Antonio Pérez, Tristana Moraleja, Juan De Dios Ruano, Joaquín García, Jaime de Olano, Olga Iglesias, Celso Delgado, Guillermo Collarte, Ana Belén Vázquez, Ana Pastor, Irene Garrido, Paz Lago, Telmo Martín e Marta González Vázquez.
Por último, a edila do BNG sinalou que as nacionalistas seguirán a defender na rúa e nas institucións os dereitos destas persoas a recuperar o 100% dos seus aforros en líquido.