O BNG advirte de que non chega coa paralización dos despedimentos en Atento e esixe a súa anulación
A Coruña, 16 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña pon de manifesto que non é suficiente a paralización dos 142 despedimentos previstos por Atento no centro de traballo que hai na cidade e esixe a súa retirada definitiva. Así, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, apela á necesidade de participar na mobilización que terá lugar esta tarde para que esta paralización se converta nunha anulación dos 142 despedimentos. É necesario que apoiemos as traballadoras que deciden manifestarse esta tarde como unha demostración de resposta para a defensa dos postos de traballo en Atento, salienta.
Carballada sinala que a CIG e a CGT revelaron que o Comité de Empresa da Coruña non ten ningunha convocatoria da compañía para negociar nada e que non existe mesa de negociación ningunha. Tamén advirte da posibilidade de que a empresa tome decisións fóra do ámbito do centro de traballo da Coruña e das representantes das traballadoras e pon de manifesto que ao BNG non lle vale que se lle poñan prezo aos despedimentos. Para o BNG a única solución pasa pola anulación dos 142 despedimentos, conclúe.
Así, o BNG, representado pola súa militancia e por cargos orgánicos e institucionais, como o propio Carballada, o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, ou as concelleiras do BNG Concello da Coruña, participará esta tarde na manifestación que parte ás 20h desde a sede de Atento (r/Juan Flórez, 80). As nacionalistas chaman a cidadanía a sumarse á mobilización e a apoiar as traballadoras que deciden manifestarse.