E QUE ESTABELEZA CONVERSAS CON ABANCA PARA LOGRAR A CESIÓN DA MORADA AO CONCELLO
O BNG proporá no Pleno deste xoves que o Goberno Local promova a rehabilitación da Casa coruñesa de Rosalía
A Casa coruñesa de Rosalía -neste momento en estado de abandono (con autocolantes de entidades financeiras adheridos ao vidro do seu portal), non aberta ao público e obviamente necesitada de rehabilitación- pertence a Abanca, que a herdou de Caixa Galicia, entidade que se fixo con ela froito dun embargo por impagos dos seus titulares.
A través desta iniciativa, o BNG pídelle ao Goberno Local que estabeleza conversas con Abanca tendo como propósito a cesión da casa ao Concello, ao tempo que insta o Executivo coruñés a que negocie o apoio doutras administracións para a materialización do proxecto de rehabilitación, musealización e apertura ao público, nomeadamente da Xunta, a Deputación e a Real Academia Galega.
No texto da moción, Francisco Jorquera explica que no seu día Caixa Galicia cedera a casa á Real Academia Galega, mais o proxecto de rehabilitación non foi avante por falta de recursos da entidade científica. Dese xeito, a morada retornou á financeira.
Estamos en 2021 e este non é un ano calquera. Nel fanse 150 anos da chegada de Rosalía á Coruña e con tal motivo téñense programado actos para a celebración da efeméride. Ten, por tanto, todo o sentido que xustamente neste ano o Concello promova a rehabilitación da que foi a súa morada durante os anos en que a grande poeta nacional foi a nosa veciña. A Casa coruñesa de Rosalía non pode continuar no abandono e ten que ser un espazo aberto ao público que dea conta da súa estancia na nosa cidade, maxistralmente plasmada en poemas como o dedicado ao xeneral inglés John Moore ou na peza Pra a Habana, aquela na que se retrata a partida da Coruña do vapor ateigado de homes que se vían obrigados a deixar o país para procurar a vida fóra.
Este 2021 celébranse tamén os 50 anos da apertura ao público da Casa da Matanza en Padrón, a morada que alberga a Casa Museo de Rosalía. Con tal motivo, o pasado 10 de novembro inaugurouse na Coruña unha exposición que percorrerá distintas cidades e vilas do país, baixo o título de A Casa de Galicia: 50 anos da Casa de Rosalía.
Porén, reflexiona Jorquera, “mentres celebramos esta efeméride, na Coruña temos a nosa propia Casa de Rosalía, na que viviu durante a súa estadía na nosa cidade, sita no número 3 da Rúa do Príncipe”. “Unha morada”, remarca, “que por desgraza presenta un aspecto lamentábel”.
A iniciativa detense tamén no estado da sepultura do home de Rosalía, o escritor e historiador Manuel Murguía, que se acha no cemiterio municipal de Santo Amaro. O BNG pídelle ao Goberno Local que realice “as accións oportunas” para a súa dignificación e posta en valor, procedendo tamén á súa rotulación en galego.