O BNG pide no Parlamento unha copia do informe de Patrimonio sobre os soares da Maestranza
Patrimonio desestimou o estudo de detalle elaborado polo Concello por considerar que non se realizaran suficientes sondaxes arqueolóxicas e por xulgar que o proxecto construtivo tiña un impacto excesivo na contorna e dificultaba a contemplación da fachada marítima.
Sobre este mesmo asunto versa unha das tres preguntas orais que o BNG fará no Pleno do vindeiro xoves. En concreto, Francisco Jorquera inquire o Goberno Local se vai reconsiderar os seus plans a respecto dos terreos da Maestranza.
O grupo municipal nacionalista defende que eses terreos, cedidos pola cidade ao naquel altura chamado Ministerio da Guerra e unha vez liberados das súas funcións militares, retornen ao patrimonio municipal de forma gratuíta para o seu uso público.
“O Goberno Local ten que atender a demanda veciñal. Necesitamos máis zonas verdes, non máis cemento. E desde logo necesitamos que se respecte o patrimonio histórico da cidade”, afirma Jorquera.