UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

O BNG propón que o logotipo sexa "Concello da Coruña", prescindindo da tradución ao castelán

Edificio do Palacio Municipal de María Pita
O logotipo do Concello da Coruña, de acordo co seu manual de imaxe corporativa, usa unha dobre forma –“Concello da Coruña. Ayuntamiento de A Coruña”-, o que constitúe unha excepción nos municipios galegos e contrasta tamén coa práctica da Xunta de Galiza, que non traduce os seus distintivos ao castelán.
O BNG propón que o logotipo sexa "Concello da Coruña", prescindindo da tradución ao castelán

É por isto que a concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar un rogo oral ao Executivo coruñés para que renove o manual de identidade corporativa do Concello, “equiparándose ao resto dos concellos e institucións do país, que non recollen a forma traducida ao castelán”.

Na exposición de motivos desta iniciativa, a concelleira nacionalista analiza que a duplicidade de formas que se dá na nosa cidade –“Concello da Coruña. Ayuntamiento de A Coruña”- ten como orixe “conflitos característicos doutros momentos” e “parte da idea de que é preciso traducir o nome de ‘concello’ polo de ‘ayuntamiento’ como se o primeiro non fose comprensíbel”.

É tempo de deixar atrás esta práctica que é toda unha rareza no conxunto dos municipios do país, “en todos eles aparece unicamente ‘concello’ e non ‘ayuntamiento’”, apunta Veira, quen sinala que no resto de consistorios do país o logotipo coa forma exclusivamente galega mantense tal cal “na versión en galego e en castelán dos seus documentos ou das súas páxinas web”.

É tempo de deixar atrás esta práctica que é toda unha rareza no conxunto dos municipios do país, “en todos eles aparece unicamente ‘concello’ e non ‘ayuntamiento’”

A maiores, reflexiona Veira que “a dobre forma no logotipo é impropia, ademais, dunha institución en que se acaba de aprobar unha ordenanza que promove o uso da lingua galega”.

Esa ordenanza, sobre cuxos incumprimentos alertou o BNG esta mesma semana, prescribe que o Concello da Coruña empregará e promoverá o galego en todas as súas accións, nas actuacións administrativas, na documentación, na súa comunicación social e nas relacións coa cidadanía.

 

O BNG propón que o logotipo sexa "Concello da Coruña", prescindindo da tradución ao castelán