PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
Após o incendio do cárcere, o BNG pregúntalle ao Goberno Local se vai sancionar o Estado
Esta é unha proba máis do estado de abandono en que se acha a antiga cadea provincial por parte do seu propietario, a Administración estatal. Abandono que, sinala a concelleira do BNG Avia Veira, “pon en risco que un dos poucos exemplares en pé da arquitectura penitencia panóptica poida cumprir o século de vida”.
É por isto que Veira acaba de rexistrar unha pregunta por escrito ao Goberno Local. Entre outras cuestións, a edil nacionalista interésase por saber se o executivo coruñés pensa emprender accións sancionadoras contra o Estado por incumprir a súa obriga de manter o inmóbel protexido.
“Vaille esixir o Goberno Local ao Goberno do Estado que faga unha inspección sobre o estado do inmóbel co fin de evitar novos incendios ou accidentes que poidan ser prexudiciais para as persoas, a contorna ou que supoñan a destrución deste edificio?”, inquire a concelleira do BNG o Goberno Local.
Cumpre lembrar que o antigo cárcere provincial se ergueu sobre uns terreos de propiedade municipal cedidos polo Concello ao naquela altura chamado Ministerio da Guerra. Por tanto, ten toda a lóxica que, agora abandonado, o inmóbel sexa cedido á administración local coruñesa. Porén, remarca Avia Veira, “non coñecemos ningunha xestión política do Goberno Municipal do Estado para conseguir a cesión do inmóbel”.
Ten que ser cedido ao Concello, mais naturalmente non de calquera maneira, senón debidamente rehabilitado como corresponde ás obrigas que ten o Estado de ter o inmóbel en boas condicións de mantemento.
Por tanto, Veira pregúntalle ao Goberno Local se ten establecido negociacións para conseguir esa cesión e, en caso afirmativo, con que resultados.
En calquera caso, o incendio do pasado sábado mostra que non se está a cumprir a última das mocións aprobada no Pleno, por unanimidade e por iniciativa do BNG, un texto en que a Corporación coruñesa demandaba do Goberno central que cumprise coas súas obrigas, instaba o Goberno Local a negociar a cesión e a que, mentres non a lograr, reforzase a vixilancia ante a “ameaza para a seguridade que representa o actual estado do antigo cárcere provincial”.
Na moción apuntábase tamén que no seu caso o Goberno Local debería iniciar os procedementos sancionadores aos que houber lugar “por mor do incumprimento” das obrigas de manter o edificio en bon estado por parte do seu titular.