Avia Veira acompaña a caravana dos taxistas en protesta pola competencia desleal dos VTC

Avia Veira protesta taxistas fronte á competencia desleal dos VTC. 13 de novembro de 2025.
Veira departe cun taxista á chegada da caravana ao Parrote
A concelleira Avia Veira, responsábel de Mobilidade do grupo municipal do BNG, acompañou esta mañá a mobilización do sector do taxi para facer valer os seus dereitos fronte á competencia desleal dos VTC (vehículos de transporte con condutor).
Avia Veira acompaña a caravana dos taxistas en protesta pola competencia desleal dos VTC

Os taxis marcharon en caravana, desde Palavea até o centro da cidade, en protesta pola inacción das administracións fronte á actuación ilegal dos VTC, que carecen neste momento de habilitación para realizaren viaxes con saída e destino na nosa cidade.

Veira lembrou que o pasado xoves 13N o Pleno do Concello aprobou, por unanimidade, unha moción do BNG por medio da cal se instaba o Goberno Local a que fixese cumprir a Ordenanza de Mobilidade, recentemente aprobada após negociación coa formación nacionalista, e a que formase a Policía Local para aplicar un réxime sancionador aos VTC.

Os VTC, de acordo coa lei galega, só poden realizar viaxes inter-urbanas (entre distintos concellos), en ningún caso neste momento poden facer desprazamentos urbanas.  Na Coruña, en tanto non se aprobar unha regulación específica sobre os VTC, estes vehículos só poden transportar persoas con orixe ou destino de outro concello. Cabe así ao Goberno Local actuar impondo sancións, mais tamén á Xunta pois é evidente que as empresas que xestionan os VTC están a facer un uso indebido das súas licenzas.

“A Xunta pode retirar esas licenzas se non se utilizan para o que foron concedidas”, afirma Avia Veira, ao tempo que salienta: “Defendemos o sector do taxi fronte á competencia desleal dos VTC. Por iso presentamos esa moción, aprobada por unanimidade, e por iso acompañamos hoxe esta mobilización”.

 

Avia Veira acompaña a caravana dos taxistas en protesta pola competencia desleal dos VTC