O BNG propón mellorar as condicións para a circulación ciclista na cidade
A Coruña, 28 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera un parche os programas de formación e de actividades de fomento do uso da bicicleta anunciados hoxe cando o Goberno do Sr. Negreira renuncia a mellorar as condicións da circulación ciclista na cidade. As nacionalistas consideran que de nada serve potenciar o uso da bicicleta cando non se están a implementar medidas para mellorar as condicións para a circulación ciclista na cidade.
O Grupo Municipal do BNG aposta por unha alternativa real e utilizábel para promover o uso das bicis e isto non pasa por que as persoas usuarias da bici compartan a vía con vehículos particulares e transporte público aínda que se reduza a velocidade, pois é un perigo circular en bici entre os coches e os buses na meirande parte das rúas da cidade. Fronte a isto, as nacionalistas consideran que debería potenciarse unha plataforma única para bicicletas e, á vez, enfriar o tráfico na cidade, isto é, reducir a velocidade do tráfico motorizado, amais de reducir o número de vehículos particulares a través da mellora e promoción do transporte público colectivo. Só deste xeito se garantiría unha mellor seguridade viaria.
O BNG amósase satisfeito por que o Goberno local recollera a proposta das nacionalistas para aumentar o estacionamento de bicicletas
Pola outra banda, as nacionalistas amosan a súa satisfacción por que o Goberno local recollera a proposta das nacionalistas para incrementar os aparcadoiros para bibicletas, dado que a día de hoxe apenas hai ancoraxes para bicicletas nos puntos estratéxicos da cidade, como poden ser os centros de saúde ou os centros de ensino.