O BNG presentará unha moción para reclamar o uso social do Faro de Oza
A Coruña, 30 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentará unha moción para debater no seguinte Pleno ordinario, que terá lugar en setembro, para que o Faro de Oza se destine a usos sociais, tal e como reivindica a Asociación de Veciños e Veciñas de Oza A Gaiteira Os Castros. A entidade veciñal e a Confraría de Pescadores da Coruña reclaman este espazo para fins formativos, educativos, culturais e sociais, o que lle daría unha nova vida a este ben patrimonial e un uso social por parte da cidadanía, rachando así co deterioramento, desleixo e esquecemento que o teñen sumido as distintas administracións competentes a esta propiedade pública.
Así, as nacionalistas reclamaranlle en sesión plenaria ao Goberno do Sr. Negreira que acolla este proxecto presentado pola Confraría de Pescadores da Coruña e pola entidade veciñal e inste a Autoridade Portuaria a que concrete un convenio de uso destas instalacións coa Confraría de Pescadores da Coruña e coa Asociación Veciñal de Oza A Gaiteira Os Castros.
O edificio, recollido nas fichas do catálogo do PXOM, áchase na actualidade fóra da zona de servizo portuaria, mais está dentro da servidume de dominio público marítimo terrestre. O Plan Xeral aprobado definitivamente recólleo na súa cualificación urbanística como equipamento dotacional sanitario. Por iso, o Grupo Municipal do BNG pedirá en Pleno que o Concello, ao abeiro do art. 47.4, acorde o cambio de uso dos terreos onde se encadra o Faro de Oza a fin de que pase de equipamento dotacional sanitario a equipamento dotacional cultural, mantendo a titularidade pública.
Concentración, mañá, ás 20.30h, ao pé do Faro de Oza
O BNG da Coruña súmase á concentración convocada para mañá, mércores, ás 20.30h, ao pé do Faro de Oza, pola Asociación de Veciños e Veciñas de Oza A Gaiteira Os Castros. O fin desta concentración veciñal non é outro que darlle un uso social ao Faro de Oza.