O BNG preguntou hoxe na Comisión de Industria polo futuro da Fábrica de Armas
A Coruña, 9 de marzo de 2016.- A instancias do Grupo Municipal da Coruña, o Grupo Parlamentario do BNG trasladou unha serie de preguntas que foron hoxe a tarde debatidas na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo relativas á situación pola que está a pasar na actualidade a antiga Fábrica de Armas de Pedralonga, hoxe Hércules de Armamento.
O BNG presentou esta tarde na Comisión de Industria unha batería de preguntas a respecto do futuro da antiga Fábrica de Armas
Así, na súa intervención, o deputado nacionalista Francisco Jorquera, realizou a descrición da evolución da situación da antiga Fábrica de Armas desde a lesiva e calamitosa venda da antiga empresa Santa Bárbara Sistemas en 2001 a General Dynamics até a actualidade, pasando polo peche en xuño de 2013 da fábrica, pondo fin aos seus 76 anos de actividade e iniciando o proceso de retrocesión das instalacións ao seu propietario, o Ministerio de Defensa, a convocatoria posterior, en 2014, do concurso público para a concesión da xestión de parte das instalacións durante un período de 15 anos, a adxudicación desta a Hércules de Armamento e, por último, unha descrición da situación desta empresa na actualidade.
Neste sentido, Francisco Jorquera sinalou que, a día de hoxe, o futuro da actividade produtiva e dos postos de traballo da Fábrica de Armas segue cheo de incertezas, as empregadas e os empregados están a sufrir impagos e retrasos no cobro dos salarios e, ademais, a adxudicataria da concesión ten grandes dificultades para a posta en marcha do seu proxecto industrial.
O deputado nacionalista Francisco Jorquera denunciou na súa intervención que aínda non foi contestada a carta que as e os representantes do cadro de persoal presentaron o 14 de decembro de 2015 na Consellería de Economía, Emprego e Industria na que solicitaban que a Xunta convocara unha reunión conxunta para abordar a situación e coordinar as actuacións precisas para que se manteñan os postos de traballo e a actividade industrial
E é que as nacionalistas expuxeron na Comisión que, segundo datos aparecidos durante as últimas semanas, Hércules de Armamento esta agardando investimentos de terceiros para a posta en marcha do seu proxecto, que a empresa segue moi lonxe do obxectivo fixado de acadar o 80% da capacidade total de produción da fábrica, que está só operando no eido civil xa que ten suspendido temporalmente o permiso polo Ministerio de Defensa no traballo no eido militar polas dificultades que ten a concesionaria para vixiar as instalacións, e, segundo ten transcendido estes días, Hércules de Armamento non pagou a Defensa o canon anual de 250.000 euros polo uso das instalacións, pago establecido no prego de condicións da concesión, razón pola cal o Ministerio de defensa anunciou que o vindeiro 15 de marzo se reunirá coa empresa e a comisión de seguimento da concesión para analizar a situación e revisar a concesión no seu conxunto.
É por todo isto que o o BNG preguntou ao Director Xeral do Igape, Javier aguilera, se a Xunta é coñecedora da situación actual da antiga Fábrica de armas da Coruña, hoxe Hércules de Armamento, se coñece as incertezas que existen sobre o futuro da actividade produtiva e dos postos de traballo e se vai atender a petición das e dos representantes do cadro de persoal de convocar unha reunión conxunta para abordar a situación e coordinar as actuacións precisas para que se manteñan os postos de traballo e a actividade industrial. Asemade, nesta batería de preguntas, o deputado nacionalista tamén preguntou a Xunta se vai manter reunións coas traballadoras e traballadores, empresa concesionaria, Concello da Coruña e Goberno Central e, esixiu na súa intervención, que se concretase polo miúdo as accións que se van desenvolver para garantir o mantemento da produción e dos postos de traballo.
O representante do Goberno autonómico en ningún momento chegou a indicar que a Xunta defenderá os postos de traballo que existen hoxe en día limitándose a sinalar que a Xunta apoia a todos os proxectos empresariais viábeis
Porén, o representante do Goberno da Xunta, na quenda da réplica, non chegou a contestar ningunha das preguntas formuladas polo deputado nacionalista. O Director Xeral do Igape limitouse a trasladar unha resposta vaga, inconcreta, refuxiándose en lugares comúns, dedicándose a facer unha publirreportaxe sobre a axenda de competitividade industrial e a facer a exposición da evolución que o propio BNG xa fixera na exposición das preguntas, sen chegar a concretar en ningún momento se van contestar ás e aos representantes do cadro de persoal de traballadores de Hércules de Armamento ou se a Xunta vai a implicarse no mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial na antiga Fábrica de Armas indicaron os nacionalistas.
Así mesmo, o Bloque destaca que o representante da Xunta tampouco soubo contestar se vai manter reunións coas traballadoras e traballadores, empresa concesionaria, Concello da Coruña e Goberno Central, limitándose este a sinalar que o Goberno autonómico apoia e apoiará sempre proxectos empresariais viábeis, mais sen chegar a garantir en ningún momento, de forma contundente, que se defenderán os 155 postos de traballo que hoxe en día seguen manténdose en Hércules de Armamento.
As nacionalistas presentaron a principios de febreiro, xunto coa iniciativa debatida hoxe, unha Proposición non de lei na que se solicita ao Parlamento galego o instar á Xunta de Galiza a desenvolver cantas accións sexan necesarias para garantir o mantemento da produción e dos postos de traballo na antiga Fábrica de Armas da Coruña, hoxe Hércules de Armamento
Por último, as nacionalistas lembran que as preguntas debatidas hoxe na Comisión son parte dunha batería de iniciativas e propostas presentadas a principios do mes de febreiro, entre elas unha Proposición non de lei, na que solicita no Parlamento galego a instar á Xunta de Galiza a desenvolver cantas accións sexan necesarias para garantir o mantemento da produción e dos postos de traballo na antiga Fábrica de Armas da Coruña.
Preme aquí para ver a iniciativa presentada hoxe
Noticias relacionadas: