O BNG preguntará en Pleno polas auditorías de Nostián
A Coruña, 2 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG formulará no Pleno do luns unha pregunta oral para coñecer os motivos que levan o Goberno do Sr. Negreira a lle ocultar o resultado das auditorías técnica e ambiental da planta de Nostián (adxudicada no pasado mes de novembro de 2011 a Applus Norcontrol S.L.) e da auditoría económica ou estudo de viabilidade da concesión do servizo de tratamento e eliminación de residuos (adxudicada a KPGM). Ademais, despois de lle denegar ás nacionalistas até en dúas ocasións (o 31.10.2012 e o 09.01.2013) o acceso ao resultado das citadas auditorías, o Goberno municipal remitiunas a un informe do Servizo de Medio Ambiente que non existe. De feito, na resposta á solicitude do BNG para acceder ao informe, a xefa de Servizo de Medio Ambiente revela que "tal informe se viene emitiendo de manera informal".
Pola outra banda, máis de ano e medio despois, o Grupo Municipal do BNG segue á espera da resposta do alcalde á solicitude formulada polo portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, para visitar a planta de tratamento de residuos. Así, o 12 de xullo de 2011, Carril presentaba por rexistro unha solicitude dirixida ao Sr. Negreira na que reclamaba que o alcalde adoptase as medidas oportunas para que o Grupo Municipal do BNG puidese visitar as instalacións. Precisamente, onte, convidado polo Comité de Empresa, Carril visitou as zonas das verteduras de lixiviados da planta de Nostián e tentou, sen éxito, acceder ao interior das instalacións.
O escurantismo que deita o Goberno municipal sobre todo o que ten a ver con Albada e coa planta de tratamento de Nostián impídelle ao BNG comprobar a situación real do tratamento de residuos e comprobar as denuncias do Comité de Empresa de Albada sobre a saturación das instalacións. Tamén lles impide coñecer os incumprimentos que hai respecto do volume de tratamentos rexeitados por parte da empresa.