O BNG pregúntalle ao Goberno municipal por que deixou a asociación Distrito V sen convenio
A Coruña, 2 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unhas preguntas para a resposta escrita nas que se interesa polos motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a suprimirlle o convenio á Asociación Comunitario Distrito V para a cooperación en actividades de reinserción social e accións comunitarias. Os nacionalistas advirten de que o ano pasado xa se vira moi rebaixado o convenio, ao pasar de 45.000 euros no 2011 a só 15.000 euros no 2012.
O Grupo Municipal do BNG sinala que esta entidade desenvolve, desde hai anos, unha serie de programas dirixidos á adolescencia. Desde unha perspectiva integral e educativa, Distrito V tentaba dar resposta, a través da comunidade e co resto de recursos e servizos comunitarios, ás necesidades formativas, sanitarias e de lecer desta populación.
Na iniciativa, os nacionalistas preguntan cales foron as razóns técnicas polas que o Goberno do Sr. Negreira eliminou este convenio, se van seguir desenvolvéndose estes programas e accións coa adolescencia nos barrios da cidade e, no caso de resposta afirmativa, quen e como se van desenvolver estas actividades a partir de agora e se o Goberno municipal lle vai permitir o uso das instalacións do centro cívico de Labañou a Distrito V.