O BNG pregúntalle ao Goberno local pola falta de iluminación pública no Ventorrillo e nos Mallos
A Coruña, 17 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha batería de preguntas para resposta escrita nas que se interesa pola deficiencia de alumeado público nalgúns puntos da cidade, como no Ventorrillo ou nos Mallos. Precisamente onte, os nacionalistas denunciaban que algunhas rúas do Ventorrillo levan días sen luz, segundo lle transmitiron veciñas e veciños, quen aseguraron que a policía local lles comunicou que até o luns, hoxe, non sería problema solucionar a carencia de alumeado ao non haber operarios dispoñíbeis. A raíz desta denuncia pública, veciños e veciñas dos Mallos puxéronse en contacto co Grupo Municipal do BNG para advertir de que tamén estaban sen luz na zona próxima á estación, desde Joaquín Planells cara a Lonzas.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se é consciente das deficiencias de alumeado público nestes barrios, cales foron as rúas que permaneceron sen luz ou con avarías nos últimos días ou que medidas adoptou para arranxar os problemas técnicos que deixaron durante varios días sen iluminación as zonas citadas. Ademais, os nacionalistas censuran na iniciativa a actitude do Goberno municipal e as súas prioridades á hora de mobilizar brigadas de policía local e de bombeiros para retirar unha inofensiva pancarta na rúa da Gaiteira ou para disuadir as persoas desaloxadas do Ofimático de se concentrar pacificamente mentres non fai nada por evitar que veciños e veciñas da Coruña leven varios días con carencia de iluminación nas rúas en que habitan.