O BNG pregunta polos contratos adxudicados polo Goberno municipal sen publicidade, como o de Laponia
A Coruña, 29 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha pregunta para a resposta escrita na que se interesa polas publicacións das licitacións de contratos no perfil do contratante. Así, os nacionalistas pregúntanlle ao Goberno do Sr. Negreira cantos contratos de obras e asistencias licitados durante o 2012 non se publicaron no perfil do contratante e cales foron estes contratos.
Están sendo habituais, sinala o BNG, estas prácticas escurantistas por parte Goberno municipal. A última delas foi a contratación do servizo de animación da Laponia coruñesa, que non foi publicitada no perfil do contratante. Os nacionalistas, que esixen transparencia, non se estrañan de que o Sr. Negreira quixer ocultarlle á cidadanía que o capricho do poboado lapón custará 145.000 euros (72.545 euros en animación e 72.479 euros na montaxe), un escandaloso dispendio que non axudará a dinamizar o pequeno e mediano comercio.
O Grupo Municipal do BNG critica que o Sr. Negreira non destinara eses 145.000 euros a axudar o comercio tradicional, que se verá especialmente prexudicado pola inevitábel caída das vendas na campaña navideña. Os propios comerciantes, que realizan case a metade das súas vendas no nadal, estiman unha caída das vendas próxima ao 40%. E ante estas previsións, o mellor que se lle ocorre ao Goberno municipal é imitar os alcaldes do PP de Madrid, Palma ou Valladolid montando un poboado lapón no que tirará 145.000 euros.