INICIATIVA DE DAVID SOTO

O BNG pregunta ao Goberno Municipal polo evento ultracatólico masivo no Monte de San Pedro

Evento ultracatólico en Monte San Pedro
Lixo deitado sobre un espazo que é prolongación do espazo natural de interese local (ENIL) das illas de San Pedro
O BNG coñeceu con sorpresa, a través dos medios de comunicación e das redes sociais, ao mesmo tempo que o resto da veciñanza da cidade, que o parque do Monte de San Pedro estaba a acoller, este pasado 9 de agosto, un multitudinario encontro relixioso con máis de 5.000 participantes, desprazados nuns 100 autocarros.
O BNG pregunta ao Goberno Municipal polo evento ultracatólico masivo no Monte de San Pedro

Máis alá das consideracións que nos poida merecer a cesión de espazos públicos á celebración de eventos dunha determinada confesión relixiosa ou mesmo do moi preocupante contido dos discursos que alí se escoitaron, onde parece que pouco se falou de amor e si moito de odio, hai toda unha serie de interrogantes que motivan o Grupo Municipal do BNG, neste caso a través do noso concelleiro David Soto, a dirixir ao Goberno Municipal da Coruña varias preguntas sobre cuestións que son de competencia directa do executivo de Inés Rey.

O lugar escollido para a celebración relixiosa ultracatólica deste pasado 9 de agosto, o monte de San Pedro, non só constitúe todo un elemento icónico en calquera panorámica da Coruña, senón que atesoura uns moi interesantes valores xeolóxicos e ambientais merecedores de respecto e protección. É, de feito, una prolongación do espazo natural de interese local (ENIL) das illas de San Pedro e con elas forma conxunto. Vetado ao uso cidadán durante décadas polo seu exclusivo uso militar, unha parte importante da súa superficie foi recuperada como espazo verde público para lecer veciñal e de visitantes.

Vistas as especiais características do espazo, o BNG pregunta ao Goberno Municipal se para autorizar a ocupación temporal do parque e a celebración dun evento con millares de asistentes durante boa parte da xornada foi encargado previamente algún informe técnico ao servizo municipal de Parques e Xardíns, tamén se previamente existiu algún informe de avaliación ambiental que garantise a compatibilidade do acto masivo cos valores e características do ENIL, dada a súa proximidade, e, en calquera caso, se lle foi facilitado aos organizadores algún código de boas prácticas para respectar o lugar.

Evento ultra-católico en Monte San Pedro

Procede lembrar que xa é a segunda vez no que vai de verán que o Goberno Municipal autoriza a ocupación dunha zona verde pública moi próxima ao ENIL das illas de San Pedro para a celebración dun evento con grande afluencia de persoas e evidente impacto humano sobre a flora e a fauna próximas. Dada a reiteración en poucas semanas, o BNG pregúntase se esta vai ser a partir de agora unha práctica habitual.

A través da iniciativa de David Soto, o BNG pregunta tamén ao executivo de Inés Rey se o pasado 9 de agosto o libre acceso ao parque do monte de San Pedro puido realizarse con normalidade, así como o libre tránsito de veciñanza ou visitantes polo seu interior, ao longo da xornada. Soto recorda que en todas as ocupacións temporais do espazo público unha condición exixíbel a calquera entidade, empresa ou colectivo é garantir a circulación ou o tránsito peonil habituais por ese espazo.

Por último, o BNG quere saber tamén con que dispositivo da Policía Local se contou para garantir a normalidade no monte de San Pedro durante o masivo evento relixioso do pasado mércores 9, especialmente á hora en que este finalizou. Veciñas e veciños das Roseiras foron sorprendidos por grandes grupos atravesando a pé o barrio, cara á noitiña, cantando en alta voz sen que parecese haber moita consciencia do carácter residencial da zona e sen que houbese, polo menos en aparencia, calquera tipo de dispositivo policial de acompañamento para garantir o cumprimento da normativa.

O BNG pregunta ao Goberno Municipal polo evento ultracatólico masivo no Monte de San Pedro