O BNG pregúntalle ao Goberno Local cando vai enviar ao Pleno a Ordenanza do Galego
A elaboración dunha Ordenanza do Galego figura na listaxe de compromisos que BNG e PSdeG subscribiron en xuño pasado, no Acordo de Investidura que fixo viábel a chegada de Inés Rey á Alcaldía.
Naquela altura nacionalistas e socialistas acordaron aprobar esa Ordenanza do Galego no primeiro ano de mandato e co máximo consenso posíbel, na liña da aprobada por unanimidade na Deputación da Coruña no mandato 2015-2019.
“O certo é que xa estamos no décimo mes de mandato e non se nos remitiu ningunha proposta de ordenanza”, advirte Avia Veira, para quen o Concello como poder público ten a obriga legal de dar impulso ao “proceso de normalización lingüística”, mais tamén ten a “obriga moral” de “lles legar aos nosos fillos e fillas a lingua que nós herdamos”. E moito máis se temos en conta un contexto marcado por “cifras preocupantes” que alertan “da ruptura da transmisión xeracional do galego”. “Se queremos ser un pobo máis no mundo, unha célula de universalidade, nin mellor nin peor que ninguna, temos que poñernos as pilas”, engadiu.
“O certo é que xa estamos no décimo mes de mandato e non se nos remitiu ningunha proposta de ordenanza”, advirte Avia Veira
“Precisamos unha ordenanza para o impulso do galego no Concello”, un conxunto de normas para seren aplicadas no día a día da Administración local. Para o facer, o Concello dispón, avaliou Veira, dun “excelente servizo de normalización lingüística” formado por “unhas profesionais con moitos anos de dedicación e experiencia, mesmo en tempos realmente complicados”.