AGARDAMOS QUE NON SEXAN O ANTICIPO DUN NOVO PELOTAZO URBANÍSTICO

O BNG pídelle a Inés Rey explicacións sobre as súas declaracións sobre a construción dun "novo ensanche" no porto

Fachada marítima
Fachada marítima
O grupo municipal do BNG recibiu con preocupación as afirmacións realizadas por Inés Rey segundo as cales é intención do Goberno Local construír “unha cidade dentro da cidade, un novo ensanche” nos terreos que fiquen liberados no porto da cidade.
O BNG pídelle a Inés Rey explicacións sobre as súas declaracións sobre a construción dun "novo ensanche" no porto

“Imos pedirlle explicacións á alcaldesa por estas declaracións que nos parecen moi preocupantes. Tenas que rectificar. Vemos nelas ecos do pasado e agardamos que non sexan o anticipo dun novo pelotazo urbanístico nin revelen a intención do Goberno Local de revivir o espírito do convenio de 2004, o asinado pola Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello, en que se prevía a venda dos terreos portuarios para financiar Punta Langosteira, o que claramente daba vía libre a un pelotazo urbanístico”, afirma Francisco Jorquera, portavoz do BNG en María Pita.

Para Jorquera, a deriva do Goberno Local en materia de urbanismo está a ser moi inquietante nos últimos tempos. “O proxecto de As Percebeiras, o nulo interese á hora de procurar responsabilidades no caso do edificio Conde de Fenosa e agora estas declaracións sobre a construción dun novo ensanche nos terreos portuarios prefiguran un retorno a políticas dun urbanismo masificado e ambientalmente non sustentábel que están nas antípodas do proxecto de cidade que precisa A Coruña nestes momentos”, considera Jorquera.

No canto de alentar a especulación urbanística, do que se debería preocupar a alcaldesa, remarca o voceiro nacionalista, é “de impulsar o Consorcio que, segundo acordamos en xuño de 2019 BNG e PSdeG, debería pilotar a transformación dos terreos do porto interior”.

"No canto de alentar a especulación urbanística, a alcaldesa debería preocuparse de impulsar o Consorcio que debe pilotar a transformación dos terreos do porto interior"

“Inés Rey ten que liderar a demanda da cidade para que o Estado condone a débeda do porto exterior, a mellor forma de afastar calquera tentación de que se utilice o solo desafectado para dar un pelotazo”, subliña.

“Os terreos liberados do porto teñen que se destinaren a zonas verdes, dotacións públicas e a recuperar a relación da cidade co mar, non a novos ensanches. Sinceramente, pensei que a tentación de dar pelotazos urbanísticos xa estaba superada”, conclúe Jorquera.

O BNG pídelle a Inés Rey explicacións sobre as súas declaracións sobre a construción dun "novo ensanche" no porto