O BNG pídelle ao Sr. Negreira que reconsidere a súa postura a favor do repago en medicamentos
A Coruña, 28 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a reconsiderar a postura do seu goberno sobre o repago en medicamentos para persoas doentes graves e crónicas, despois de que no pasado pleno de xaneiro o PP impedira o debate dunha moción do BNG en que reclamaba instar a Xunta a non aplicar esta inxusta medida. Con esta moción, o Bloque trataba de que o Sr. Negreira instase a Feijóo a sumarse á decisión adoptada pola secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, e de presidentes doutras comunidades, como León, Andalucía, Euskadi ou As Canarias, de non aplicar este repago. Previamente, no pleno de novembro, o BNG presentara unha moción no mesmo sentido, amais dunha proposta ao modificativo para que o Concello asumira o copago e unha pregunta oral.
O BNG, que forma parte das plataformas Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade e de SOS Sanidade Pública, advírtelle ao Sr. Negreira que o resto de comunidades autónomas gobernadas polo PP non mostran intención ningunha de aplicar a resolución do 10 de setembro de 2013 pola que se estabelece o copago. Así, o Grupo Municipal do BNG pídelle ao alcalde e presidente provincial do PP sensibilidade para instar a Feijóo a non aplicar unha medida tan irracional e tan inxusta.