O BNG exixe o mantemento das actividades e servizos do centro sociocomunitario do Barrio das Flores
A Coruña, 22 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG Avia Veira presentou unha batería de preguntas e mais un rogo en que empraza o Goberno municipal a lle exixir á Xunta de Galiza o mantemento das actividades e servizos que se ofrecen no Centro Sociocomunitario do Barrio das Flores (dependente da Xunta), co fin de garantir que se presten as demandas que reclaman os veciños e veciñas usuarias. Ademais de instar o Goberno do Sr. Negreira a facer seguimento da actividade do centro, a concelleira do Bloque pregúntalle ao alcalde polos recortes en servizos médicos que se fixeron no equipamento nos últimos meses.
Avia Veira visitou o Centro Sociocomunitario do Barrio das Flores tras coñecer as protestas dun grupo de usuarias e usuarios sobre o atraso, nun mes, do período inscrición e do inicio das actividades que se viñan ofrecendo. Advirte a nacionalista de que este atraso só lle afectou a este centro, pois outros equipamentos de Galiza xa iniciaron as súas actividades. Salienta Avia Veira que as trescentas persoas maiores que frecuentan o centro reivindican os servizos que se prestaban no equipamento até decembro de 2013, como os servizos de médico e ATS e que se suprimiron. Temen, tamén, polo peche do comedor e da cafetaría ao marchar a empresa que tiña a concesión.
Por último, a concelleira do BNG subliña que é necesaria a aposta do Concello por servizos públicos e sociais, entendendo estes como recursos que lles permitan ás persoas maiores seguir activas e permanecer na súa contorna. É aquí, apunta, onde se encadran os centros sociocomunitarios da Xunta de Galiza e o sentido da súa actividade.