PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
O BNG pide a revisión das obras da Solana con vistas a protexer o patrimonio e a paisaxe
Na exposición de motivos desta iniciativa, Veira resalta que en 2013 “o goberno municipal [naquela altura do PP] non debería ter concedido a licenza” das obras por constituír unha agresión ao patrimonio e á paisaxe e porque, a maiores, “non tiña a autorización preceptiva da Xunta de Galiza”.
As obras foron suspendidas en 2015, mais o proxecto reformado presentado pola empresa –que contempla un metro máis de altura a respecto da edificación existente- acabou por recibir o visto bon quer da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta en febreiro de 2018 quer do goberno municipal [nesta altura da Marea Atlántica] en maio dese mesmo ano.
A concesión da licenza para a continuidade das obras por parte do concello en maio de 2018 produciuse a pesar de que, tal e como denunciara a Asociación en Defensa do Común, a empresa promotora presentara “unhas imaxes manipuladas do resultado das obras sobre a lámina da auga”, coa intención de pretender demostrar que a reforma do complexo non alteraba a visibilidade do mar desde o Parrote.
As obras foron suspendidas en 2015, mais o goberno municipal da Marea volveu autorizalas en 2018
“Con estas fotografías, a empresa pretendía ‘demostrar’ que se ve o mar, mais calquera que poida pasear pola zona pode comprobar que a visibilidade do mar é nula desde diversos puntos do Parrote”, afirma Veira no texto da pregunta por escrito. “Estamos”, prosegue a concelleira nacionalista, “ante unha actitude irresponsábel por parte da Xunta e dos gobernos municipais desde 2013”.
Con esta pregunta o BNG interésase por saber se o goberno municipal “vai permitir a continuidade” da reforma do complexo ou se pensa “conceder a correspondente licenza de apertura das obras, xustificando así esta desfeita e creando un grave precedente”.
“As obras teñen que ser revisadas para ver se efectivamente cumpren coa legalidade, isto é, se protexen o patrimonio e a paisaxe, cousa que ao noso xuízo non acontece”, sinala Avia Veira.