O BNG pide que non se poña como pretexto o incendio en Nostián para evitar a reciclaxe
A Coruña, 29 de agosto de 2013.- O Grupo municipal do BNG pide, sen cuestionar a incidencia do lume nas instalacións da planta de Nostián, que non se poña o mesmo como pretexto para evitar a reciclaxe e transformar Nostián nun centro de transferencia.
Así, sinalan as nacionalistas, a única maneira de saber canto se recicla en Nostián é coñecendo canto se reciclaba realmente antes, e isto só se pode saber facendo públicos os resultados das auditorías medioambiental e económica encomendadas polo Goberno municipal. Polo que urxe o sr. Negreira a que os dea a coñecer xa, pois os datos que a cidadanía só coñece son os achegados pola empresa e que cuestionan os propios traballadores da planta.
Son os resultados das auditorías, afirman as nacionalistas, os únicos elementos para sabermos canto se reciclaba e canto se deixaba de reciclar e poder ver deste xeito a viabilidade de Nostián. Por iso, subliñan, o lume non pode ser unha excusa se antes tampouco a empresa reciclaba o que debía.
As nacionalistas exíxenlle ao alcalde que atenda a solicitude de xuntanza dos grupos da oposición ante a extorsión que a empresa quere colocar á cidade
En relación co comunicado oficial da empresa Albada no día de hoxe, o Grupo municipal do BNG manifesta que a empresa non está en condicións de chantaxear nin ao Goberno, nin ao concello, nin á cidadanía na medida en que é a responsábel da situación actual e das súas consecuencias, xa que obtendo máis beneficios empeora as condicións laborais dos traballadores, e ademais non cumpre coa cidadanía, xa que segundo informan os traballadores, non cumpre cos deberes que se comprometeu a prestar, como é a reciclaxe.
O Grupo municipal do BNG exíxelle ao alcalde que atenda a solicitude de xuntanza que fixeron no seu día os grupos da oposición ante a gravidade da situación e a extorsión que a empresa quere colocar á cidade.