O BNG pedirá en Pleno a paralización da venda de Novagalicia Banco

O BNG pedirá en Pleno a paralización da venda de Novagalicia Banco

A Coruña, 16 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción para o seu debate na sesión plenaria do luns en que pide frear o proceso de venda de Novagalicia banco; que se desenvolvan as leis necesarias para considerar NCG banco unha entidade sistémica galega, co fin de que, cara ao futuro, se manteña como entidade independente e con capacidade de decisión propia; que se defenda a permanencia de NCG como entidade financeira galega independente e que se estude a posibilidade de transformala nun banco público galego. Ademais, as nacionalistas solicitarán opórse a calquera tentativa de venda de NCG a outra entidade que supoña a perda do seu vencello territorial con Galiza.

O BNG advetirá ante o Pleno da importancia que ten para o noso país NCG como banco independente para que se manteñan en Galiza os aforros dos galegos e galegas, co fin de que estes aforros lle fornezan crédito aos nosos sectores produtivos. Porén, a permanencia de NCG como banco galego independente está cada día máis complicada, pois o Goberno central vén de anunciar que, probabelmente, esta semana que entra, se abra a poxa da entidade galega. Curiosamente, mentres promove a venda de NCG banco, o PP négase a vender Bankia, baixo o argumento de que é unha banca sistémica para España.

As nacionalistas, que insisten en que NCG banco é sistémico por centralizar o aforro de miles de galegos e galegas e de centos de concellos do noso país e por posuír un patrimonio cultural e de infraestruturas vital para Galiza, alertan de que a venda da entidade suporía un ruinoso negocio para o pobo. Lembra o BNG que se destinaron máis de 9.000 millóns públicos para a sanear e que a poxa só permitiría recuperar unha parte nimia.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG sinala que a venda de Novagalicia suporía o peche de oficinas bancarias, un peche que lles afectaría en máis medida aos núcleos que se atopan fóra das grandes poboacións e pon de manifesto, tamén, que a venda a unha entidade estatal provocaría unha sangría de postos de traballo en NCG banco.

 

O BNG pedirá en Pleno a paralización da venda de Novagalicia Banco