A Laponia en María Pita volverá custarnos ao redor de 145.000 euros

A Laponia en María Pita volverá custarnos ao redor de 145.000 euros

LaponiaA Coruña, 16 de novembro de 2013.- Ao Goberno do Sr. Negreira semella que lle importan pouco os pésimos datos do paro que vimos de coñecer nos últimos meses. É e que o Partido Popular pensa repetir o tan cuestionado poboado lapón instalado na praza de María Pita e que o pasado ano nos custou 145.000 euros. O Grupo Municipal do BNG vén de ter acceso á documentación municipal que revela que o contrato para a construción dun poboado navideño en María Pita, cunha duración desde o 6 de decembro ao 2 de xaneiro, está licitado por 72.600 euros (o ano pasado custara 72.479 euros). Trátase de cartos que saen da partida do Plan de dinamización do comercio local.

O BNG pon de manifesto que o custo total da “Laponia” coruñesa será maior, pois o contrato da animación, que aínda non está licitado, valeu o pasado ano 72.545 euros. É dicir, o Goberno do PP gastará uns 145.000 euros só para poñer “wapa” a praza de María Pita. E isto, critican as nacionalistas, malia que os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) revelan que no último trimestre se destruíron perto de 8.000 postos de traballo e que no último mes foron ao paro 300 persoas.

O BNG esíxelle ao PP que cambie as prioridades

Estes 72.600 euros que o PP gastará en montar o poboado lapón na praza de María Pita, cartos que ascenderán a 145.000 euros unha vez se contrate a animación da “Laponia” coruñesa”, veñen sumarse aos 92.000 euros da licitación do aluguer das carrozas, que saíu a concurso cun custo un 40% máis caro que o do pasado ano (a pesar de tratarse do aluguer do mesmo número de carrozas) e un 160% máis caro que na etapa do anterior Goberno.

Neste contexto, o BNG empraza o Sr. Negreira a deixar de priorizar a política do pouco pan e moito circo e destine os cartos de todo o pobo á creación de postos de traballo de calidade e ao impulso dos nosos sectores produtivos.

 

A Laponia en María Pita volverá custarnos ao redor de 145.000 euros