O BNG pedirá en Pleno a mellora da seguridade viaria no Birloque
A Coruña, 4 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira visitou esta mañá o barrio do Birloque convidada pola Asociación Veciñal Os Anxos, que lle trasladou á nacionalista a preocupación da veciñanza pola falta de seguridade viaria que sofren, cada día, no barrio. A edila nacionalista comprobou in situ, acompañada de Ramón Mañana, presidente da asociación veciñal, os riscos que corren os veciños e veciñas debido á masa de vehículos, moitos de grande tonelaxe, que atravesan O Birloque e debido ás interminábeis obras.
En declaracións aos medios, Avia Veira advertiu de que a veciñanza non pode camiñar cun mínimo de seguridade e aludiu aos accidentes, mesmo mortais, que aconteceron en vías como Salgado Torres e a avenida de San Cristovo. Tamén criticou a opacidade do Goberno municipal, que aínda non lle explicou á veciñanza como van quedar resoltas as obras.
Ante esta situación, a concelleira do BNG rexistrou un rogo oral, que formulará no Pleno ordinario de xuño, para reclamar que o Goberno municipal garanta a seguridade física das persoas que viven no Birloque, adoptando as medidas que sexan necesarias para acabar cos problemas viarios que sofre o barrio. En concreto, a instancias da entidade veciñal, o Grupo Municipal do BNG pedirá que o Goberno municipal adopte as medidas oportunas para que os semáforos da contorna do cruzamento da Avenida de Glasgow con San Cristovo funcionen de xeito coordinado e para que se sinalicen correctamente os pasos de peóns da Avenida de San Cristovo á altura Pablo Picasso con Glasgow e para que, neste tramo e nesta contorna, a velocidade se regule e se controle a non máis de 30 km á hora.
Ademais, as nacionalistas reclamarán en Pleno que o Goberno municipal adopte as medidas oportunas para que se estabeleza un redutor físico da velocidade no paso de peóns de Salgado Torres, que se eleve este paso de peóns, que se sinalice correctamente cun sinal vertical a 50 metros e coa liña de seguridade e que se instale un botón para peóns para cambiar a verde no semáforo que queda no medio do paso de peóns cara ao Birloque.
Por último, o Grupo Municipal do BNG esixirá na sesión plenaria deste xoves que o Goberno do Sr. Negreira informe por escrito a AVV Os Anxos e a veciñanza do barrio do Birloque da data en que van rematar as obras e como vai quedar estruturada a zona, mediante planos explicativos.
Ramón Mañana: O Goberno municipal non nos respecta nin mira por nós
Pola súa banda, o presidente da A VV Os Anxos do Birloque expresou como cada día as persoas que viven neste barrio poñen en risco a súa vida, simplemente, por camiñar e criticou o desleixo do Goberno municipal en relación á falta de seguridade viaria que padecen. Ramón Mañana, que acusou o alcalde de mentirlle á veciñanza, sinalou que estamos cansos de que non se nos respecte e de que, en vez de axilizar as obras, fagan oídos xordos ás nosas reclamacións. Trátase de protexer a nosa vida e o Goberno municipal non está a facelo, salientou.
O responsábel da entidade veciñal acusou o Goberno municipal de non mirar por nós. Non queremos máis atrasos nas obras, queremos estar seguros onde vivimos, subliñou. E é que, tal e como expresou Ramón Mañana, concíbese que a avenida de San Cristovo é unha autoestrada. O cruzamento de San Cristovo con Glasgow e Picasso é a selva, e os coches son os máis fortes, en detrimento dos peóns, concluíu.