Datos EPA: O BNG urxe a modificar os orzamentos galegos e estatais para crear emprego
A Coruña, 25 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera que as cifras alarmantes recollidas na Enquisa de Poboación Activa (EPA), que apuntan a unha destrución de perto de 8.000 postos de traballo na cidade en só tres meses, deben levar o Sr. Negreira a urxir o Goberno galego e o Goberno central a corrixiren os seus orzamentos para que A Coruña deixe de ser unha fábrica de parados e paradas. E é que as contas da Xunta e do Estado renuncian a crear emprego e non potencian os sectores produtivos da cidade e da comarca.
Cunha EPA que revela que na Coruña aumentou en 2.000 persoas paradas respecto ao trimestre anterior e en 4.200 respecto ao ano pasado, o Grupo Municipal do BNG reivindica corrixir as contas para impulsar a ría do Burgo, o polígono de Morás, sectores produtivos da comarca que co impulso das administracións poderían crear postos de traballo e riqueza, e mais a conexión ferroviaria do porto exterior, que permitiría que Punta Langosteira contribuíse á xeración de emprego. As nacionalistas advírtenlle ao alcalde que de pouco serven os cursos de formación para o emprego cando as Administracións gobernadas polo Partido Popular renuncian a promover os sectores estratéxicos da cidade e da comarca. A clave, engaden, está en impulsar os sectores produtivos capaces de xerar emprego e riqueza a través dos orzamentos galegos e estatais.
Ría do Burgo: 0 euros para a súa limpeza
Ante o panorama desolador que evidencia a EPA coa destrución de case 8.000 empregos, o Sr. Negreira non pode aceptar que o Estado e a Xunta abandonen a ría do Burgo. Advirte o BNG de que os orzamentos do Estado non recollen un peso para sanear a ría, ao igual que os orzamentos galegos, que só inclúen unha partida de 1 millón, repetida xa en tres contas consecutivas e aínda non executada, para o a estación de bombeo do Temple. Ademais, a Consellaría de Mar suprimiu os 2,3 millóns de euros para o plan de mellora da produción marisqueira no noso Concello.
Polígono industrial de Morás: abandonado polo PP
Tamén adude o BNG á desertización industrial que padecemos, tal e como reflicte a EPA, e pide impulsar nos orzamentos da Xunta de Galiza o polígono industrial de Morás, un polígono público, abandonado polo Partido Popular, no que se levan consignados máis de 30 millóns durante exercicios pasados. De feito, aínda os orzamentos de 2013 recollían para este polígono industrial 14,2 millóns, cartos que a Xunta fixo desaparecer dos orzamentos de 2014.
Sen conexión ferroviaria no porto exterior
O BNG tamén insta o alcalde a urxir o Estado a dotar os orzamentos xerais dunha cantidade que garanta o desenvolvemento da conexión ferroviaria ao porto exterior, para a que só destinou 50.000 euros. A propia Autoridade Portuaria ten advertido de que os camiños de ferro a Punta Langosteira son fundamentais para a normal operatividade do porto exterior e para que este se erixa como revulsivo da comarca. O propio presidente do Porto declarou, en máis dunha ocasión, que Punta Langosteira perde potenciais clientes por carecer da infraestrutura ferroviaria.