O BNG organiza unha asemblea informativa sobre as sancións da Axencia Tributaria a emigrantes
A Coruña, 4 de setembro de 2013.- O BNG organiza mañá xoves, día 5, no hotel Riazor unha asemblea informativa na que estarán presentes Manuel Vázquez, da asociación Marusía de emigrantes retornados, Xosé Manuel Carril, portavoz municipal do BNG, e Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, para falar das sancións da Axencia Tributaria a receptoras de pensións da emigración. Este encontro encádrase nunha campaña informativa que está a desenvolver o BNG por todo o país co fin de paralizar os expedientes remitidos pola Axencia Tributaria e informar aos emigrantes retornados sobre as súas obrigas aplicando a lei a partir de 2012 e sen carácter retroactivo desde o 2008.
As nacionalistas denuncian os expedientes da Axencia Tributaria contra as emigrantes galegas retornadas coa obriga de acreditar as cantidades percibidas durante os anos 2008, 2009, 2010 e 2011, pois están a tratar as emigrantes galegas como defraudadores fiscais cando este colectivo nunca recibiu notificación algunha sobre a obriga de declarar as contías percibidas no estranxeiro. E é que desde febreiro estas contribuíntes recibiron requirimentos por parte da Axencia Tributaria coa posibilidade escandalosa de adiar o pago baixo a condición de sumar á cantidade requirida os intereses.