O BNG organiza un acto sobre o desmantelamento do tren no barrio dos Castros
A Coruña, 18 de xuño de 2013.- O Grupo de Barrio do BNG dos Castros organiza mañá, mércores, ás 20h, na Praza de Pablo Iglesias, un acto informativo sobre o desmantelamento dos camiños de ferro en Galiza. Baixo o lema Que non nos rouben o tren!, os sindicalistas da Sección Ferroviaria da CGT, Alberto Díaz e Ángel Valladares, e mais o ex deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, debullarán neste acto aberto ao público as consecuencias negativas que ten para a comarca da Coruña a supresión de paradas nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte-Lugo. Ademais, explicarán a aposta para pór en marcha un servizo de proximidade que permita a comunicación interna do noso país. O Bloque Nacionalista Galego leva anos reivindicando un servizo ferroviario de cercanías, un medio de transporte sustentábel, óptimo e seguro, xa que reduce o número de vehículos das estradas.
O BNG da Coruña posiciónase contra a decisión do Ministerio de Fomento de recortar servizos nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte-Lugo e advirte de que as decisións que toma Fomento son contrarias as necesidades da nosa cidade e da nosa comarca. Neste sentido, as nacionalistas consideran totalmente desproporcionadas as manifestacións de satisfacción da ministra de Fomento e a complicidade e a submisión do Goberno municipal da Coruña.
En relación á privatización do servizo ferroviario, o BNG da Coruña subliña que o transporte público non ten que basearse no criterio económico anual, senón en función do servizo á cidadanía e a calidade dese servizo. Porén, os gobernos do PP, coa súa obsesión privatizadora, fan o balance en función do beneficio económico e non no beneficio social.
O BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a que deixe de aplaudir coas orellas os plans da ministra de Fomento e defenda os intereses das persoas que viven na Coruña
As nacionalistas lamentan que o Sr. Negreira non aproveitara as visitas a Vigo da ministra de Fomento para lle explicar as necesidades da cidade, posto que o tren é unha infraestrutura básica para o seu desenvolvemento. E é que A Coruña queda cun servizo ferroviario que non se corresponde coa cidade que é.
Tamén aluden as nacionalistas ao posicionamento do Goberno municipal en relación a moción en defensa do ferrocarril, presentada polo BNG no Pleno do mes de maio, e que o PP nin sequera permitiu debater. Por iso, emprazan o Goberno do Sr. Negreira a que deixe de aplaudir coas orellas os plans da ministra de Fomento e defenda os intereses das persoas que viven na Coruña.