O BNG e NÓS denuncian a discriminación nas cesións de dependencias municipais

O BNG e NÓS denuncian a discriminación nas cesións de dependencias municipais

A Coruña, 30 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG e representantes de Nós Candidatura Galega amosaron esta mañá, en declaracións aos medios de comunicación, a súa sorpresa pola discriminación da concesión dos usos dos espazos municipais, concretamente a diversidade de criterio á hora de adxudicar a sala de conferencias da Fundación Luís Seoane.

O BNG e Nós Candidatura Galega denuncian a discriminación na cesión de dependencias municipais para actos segundo quen as solicite

2015-11-30-2087As nacionalistas sinalan que na semana pasada Nós Candidatura Galega remitiu un escrito de solicitude para o uso da sala de conferencias da Fundación Luís Seoane co obxecto de facer a presentación na cidade da candidatura desta coalición ás Eleccións Xerais do vindeiro 20 de decembro. “Este escrito foi contestado moi amabelmente pola dirección desta Fundación indicando que non podían ceder o uso das instalacións «xa que se trata dun recinto cultural público e ten como norma non realizar actos de carácter político nin relixioso», mais para a nosa sorpresa, o pasado día 27 albergou un acto político convocado por Podemos e o grupo do que forman parte no Parlamento Europeo, acto do mesmo carácter que o que pretendía celebrar Nós Candidatura Galega”, sinalou Xesús Bermello, membro da coordinadora nacional de Iniciativa pola Unión. Así, o propio Bermello explicaba que “isto é unha clara discriminación”, e que “queremos pensar que non responde a ningún tipo de decisión política do Goberno Municipal se non a un erro garrafal e indesculpábel e solicitamos que se aclaren os motivos e pedimos responsabilidade e o uso compartido para que calquera organización poida facer uso de instalacións municipais de xeito normalizado”.

A Fundación Luís Seoane albergou o pasado día 27 un acto de Podemos días despois de denegarlle o uso para a presentación na Coruña a Nós Candidatura Galega «por ser un acto político»

Pola súa parte, a concelleira do BNG Avia Veira, compartiu a súa estrañeza pola diversidade de criterio e sinalou que o BNG sempre entendeu que todos os locais de titularidade municipal, incluídos os propios centros cívicos, deben ser cedidos a calquera organización política, independentemente de que teñan ou non representación na corporación porque as “organizacións políticas son formas que tamén ten a sociedade de organizarse e tamén ten que garantirse o seu dereito ao acceso a estas instalacións”.

O Grupo Municipal do BNG anuncia que presentara iniciativas para que todas as organizacións políticas poidan acceder ás instalacións municipais

“A intención do Grupo Municipal do BNG de presentar un rogo e unha pregunta no vindeiro Pleno para aclarar a diversidade e discrecionalidade de criterios para ceder o uso de locais municipais”, concluíu Veira.

 

Preme aquí para escoitar as declaracións de Xesús Bermello

O BNG e NÓS denuncian a discriminación nas cesións de dependencias municipais