O BNG, na manifestación d@s traballador@s do tren, contra a privatización
A Coruña, 18 de setembro de 2012.- O BNG participou onte na manifestación convocada polos traballadores e traballadoras de Renfe e de Adif, que se mobilizaron, na xornada de folga, contra a intención do Goberno central de privatizar Renfe (que provocará o feche de liñas, como a de A Coruña-Ferrol ou A Coruña-Monforte). En base ao real decreto 20/2012, Renfe dividirase en catro empresas de cara á liberalización do sector.
Á manifestación de onte asistiu o candidato do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, acompañado dos e das concelleiras do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo, Ermitas Valencia e Xan Caxigal.
Precisamente, o BNG está a desenvolver unha campaña de reparto de material informativo e recollida de sinaturas en defensa do tren como transporte público. Asina a túa petición picando nesta ligazón.
Acto central este sábado
O acto central da campaña do BNG en defensa dos camiños de ferro terá lugar este sábado, ás 18.30, en Betanzos, no Cantón de Claudino Pita, en Betanzos, coas intervencións do candidato á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, e do tamén candidato pola Coruña e portavoz municipal en Betanzos, Henrique del Río.
Para o desprazamento a Betanzos, onde confluirán coas persoas chegadas en tren desde Ferrol, os e as participantes sairán da Coruña no tren das 17.30h.