O BNG chama a cidadanía a participar na manifestación en defensa do tren
A Coruña, 16 de setembro de 2012.- O BNG da Coruña anima a cidadanía a participar mañá na mobilización convocada polos sindicatos ferroviarios contra o real decreto 20/2012, que suporá a división de Renfe en catro empresas, a privatización do tren e que provocará o feche de liñas, como a de A Coruña-Ferrol ou A Coruña-Monforte. Os nacionalistas, que tamén apoian a folga convocada para mañá, participarán na manifestación que parte ás 19.30 de San Diego até a estación de San Cristovo.
Precisamente, o BNG vén de iniciar a campaña Pola defensa dos camiños de ferro na Galiza e na Coruña, cuxo acto central terá lugar este sábado, 22 de setembro, en Betanzos. Os nacionalistas están a recoller sinaturas para reclamar melloras os servizos de media distancia actuais (tanto en número de frecuencias como en material rodante), para abaratar as tarifas, para executar un plan de mellora da infraestrutura (como o traspase en Betanzos), co fin de reducir o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol e para potenciar as infraestruturas ferroviarias coa posta en servizo das vías de ferro que atravesan as distintas localidades da comarcas e pasan polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto e chegan ao centro da Coruña. Tamén reivindica o BNG demandarlle á Xunta e ao Goberno do Estado o inicio das negociacións para transferir as competencias en materia ferroviaria nos devanditos corredores á Galiza, co financiamento e os medios axeitados, para creación dunha Compañía Ferroviaria Pública Galega.