O BNG esixe que se garanta os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres
A Coruña, 22 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG amosa o seu total rexeitamento á decisión do Sergas de non cubrir a praza de Xinecoloxía do Centro de Orientación Familiar (COF) do Ventorrillo e reivindica o dereito das mulleres a recibir unha atención de saúde sexual e reprodutiva de calidade, accesíbel e igual en todo o territorio. Precisamente, as nacionalistas xa presentaran tanto no Concello da Coruña como no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas en contra dunha decisión irresponsábel que atenta contra os dereitos da muller.
En declaracións aos medios, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que a decisión do Sergas forma parte do desmantelamento dos servizos públicos, sinaladamente da sanidade, por parte do PP. "Trátase dunha estratexia perfecta para o Partido Popular: elimino o servizo e reconduzo ao privado, polas longas listaxes de espera que se crean", advertiu. "Deste xeito, o PP elimina servizos públicos e quen teña cartos pode recibir atención na sanidade privada e as demais persoas teñen que esperar e, se cadra, na espera mesmo morren, que non é o primeiro caso", denunciou.