O BNG presenta a campaña "Mellor Local, Mellor Galego"
“Queremos animar as coruñesas e coruñeses a que merquen no comercio local e tamén a que merquen galego”, dixo a concelleira Avia Veira nun breve encontro cos medios, acompañada pola deputada Mercedes Queixas e polos donos do Montegrappa. “O comercio local dá luz e vida ás nosas rúas”, engadiu Veira. “Todos vimos o que aconteceu durante a pandemia. Era unha tristeza ver eses comercios fechados coas persianas baixadas. Sen o comercio local as nosas rúas son máis escuras, incertas, son tamén máis inseguras”, anotou Queixas.
“Todas e todos temos un papel como consumidoras e consumidores”, remarcou Veira, “e debemos apoiar agora o comercio para non lamentarnos máis tarde ante o fechamento de tendas”. No mesmo sentido, Queixas apuntou que os poderes públicos deben fomentar “un outro consumo, responsábel e comprometido coa veciñanza, co País, co que nos é próximo”.
E é que “todo o que mercamos no comercio local”, subliñou a parlamentar nacionalista, acaba por ser “un investimento no lugar en que vivimos, unha aposta pola nosa contorna máis próxima”.
No contexto da actual pandemia, que é o que precisa o pequeno comercio? Pois basicamente “axudas directas”, resaltou Queixas. “O sector estáo a pasar francamente mal. Na súa maioría está constituído por pequenos comercios, rexidos por autónomas e autónomos. Necesitan un apoio orzamentario específico por parte da Xunta da Galiza porque os seus ingresos decreceron de forma dramática a consecuencia dos peches, restricións de horarios e capacidade”, argüíu.