Petición conxunta de pleno por parte de BNG e a Marea

Avia anuncia petición de pleno conxuntamente con Marea sobre orzamentos da Xunta 2020.
Avia Veira atende os medios en presenza de María García
O BNG e a Marea Atlántica van solicitar conxuntamente a convocatoria dun pleno extraordinario do concello sobre os orzamentos da Xunta para 2020.
Petición conxunta de pleno por parte de BNG e a Marea

Así o anunciaron este luns nunha comparecencia conxunta as concelleiras Avia Veira (BNG) e María García (Marea Atlántica).

“Non son uns orzamentos á altura da cidade da Coruña. Parece que Feixoo non cre na Coruña e por iso entendemos que o pleno do concello ten que se posicionar e ten que facer propostas de emendas para corrixir estas contas e poñelas en sintonía coas necesidades e demandas das coruñesas e coruñeses”, dixo Avia Veira.

A concelleira nacionalista puxo en destaque que a proposta de orzamentos apenas contempla partidas para combater a desindustrialización que sofre A Coruña. “O investimento que se prevé en industria na nosa comarca nen sequera é na cidade”, acotou Veira. 

En materia de investimento en ensino os orzamentos tampouco dan respostas ás recentes mobilizacións de nais e pais para esixir dotación de profesorado de apoio nos centros públicos. As partidas neste capítulo son “absolutamente insuficientes”. “Acabamos de ver como se inundaba o instituto de Monelos e os orzamentos para a reforma das infraestruturas dos centros públicos son moi cativos”, di.

“Volvemos ver”, engadiu xa en relación á sanidade, “como se continúa sen recoller unha partida para o centro de saúde de Santa Lucía. Volvemos ver como o que se destina ao CHUAC non chega para as súas necesidades. Non se tocan cuestións relativas ao persoal que se necesita nos centros sanitarios, nos Centros de Orientación Familiar do Ventorrillo e Orillamar ou no Hospital Materno Infantil”.

De irrisorio. Así cualificou a concelleira nacionalista o orzamento encamiñado á vivenda. “Levamos desde 2009, toda a era do señor Feixoo, sen investimentos en vivenda, e agora, casualmente en ano electoral”, ironizou, “anuncia cinco millóns de euros”. 

“Parécennos”, recapitulou, “unha tomadura de pelo estes orzamentos”. “Por non falar de que o principal investimento na nosa cidade o vaia realizar unha entidade privada”, dixo en alusión á Fundación Amancio Ortega.

 
 

Petición conxunta de pleno por parte de BNG e a Marea