O BNG denuncia a ocultación de datos da web da Autoridade Portuaria sobre a contaminación
A Coruña, 28 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG denuncia unha nova ocultación de datos sobre a emisión de partículas en suspensión na web da Autoridade Portuaria, precisamente cando a AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros emitiu un comunicado no que denuncia a descarga de coque a ceo aberto o pasado luns. Estas descargas, tal e como advertiron os veciños e veciñas, provocaron grandes nubes de po negro que chegaron ás vivendas, causando afeccións respiratorias e sucidade nas casas.
Segundo a web da Autoridade Portuaria, ás 19h do luns, rexistráronse picos de 116 µg/m³ de PM10. O Bloque advirte de que o Real Decreto 102/2011, relativo á mellora da calidade do aire, estabelece que non poden superarse os 50 µg/m³ de media diaria en máis de 35 veces ao ano. Evitar que a media diaria se dispare e chegue a superar os 50 µg/m³ pode explicar as repetidas ocultacións de datos na páxina web da Autoridade Portuaria. Así, esta fin de semana non se actualizaron os datos desde o venres e no día de onte a franxa horaria de 12-13h permanece sen cifras. A este respecto, as nacionalistas sinalan que non é a primeira vez que isto acontece nin que se eliminan táboas enteiras que foron recollidas en comunicados de prensa do Bloque.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a comunidade científica considera que, a día de hoxe, as partículas en suspensión representan o problema de contaminación ambiental máis severo, dadas as súas graves repercusións sobre a saúde. Recoñécese que as partículas en suspensión están detrás de numerosas enfermidades respiratorias e cardiovasculares graves. É por iso que o BNG, que levou ao Parlamento europeo a emisión de partículas en suspensión no porto da Coruña, non entende a pasividade do Sr. Negreira, que cae nunha irresponsabilidade inxutificada ao non mover un dedo en defensa dos veciños e veciñas dos Castros.
Os datos poden comprobarse na seguinte ligazón: http://cma.puertocoruna.com/intranet/instrumentacion/ControlEmisiones/ieCaptadorEmisiones.aspx