Avia Veira: "A ampliación de Alfonso Molina non é a solución á conxestión crónica de tráfico"

Avia Veira: "A ampliación de Alfonso Molina non é a solución á conxestión crónica de tráfico"

A Coruña, 20 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira pon de manifesto que aumentar un carril en cada sentido de Alfonso Molina non é a solución aos problemas de mobilidade que padecemos na cidade e sinala que a solución está nos medios de transporte alternativos ao coche, como o tren de proximidade ou o transporte marítimo. A edila nacionalista aposta por investir no transporte colectivo metropolitano e advirte de que o gasto de 7,6 millóns de euros na ampliación da vía non evita a xénese do problema, é dicir, o fluxo de 145.000 vehículos ao día, nin que continúen entrando e circulando coches na cidade.

Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG insiste en que a desconxestión do tráfico na Coruña non depende só de intervencións na mobilidade por estrada, senón na aposta por outras vías de comunicación alternativas. Para iso, as nacionalistas entenden que é fundamental mellorar o transporte público metropolitano, nomeadamente, o tren de proximidade. Mais este transporte público metropolitano ten que actuar baixo as claves de frecuencia, axilidade, comodidade, boas conexións e prezo asequíbel para que poida converterse nun auténtico servizo de interese xeral alternativo ao automóbil privado.

A ampliación de Alfonso Molina a catro carrís vai en sentido contrario ás iniciativas do Proxecto Coruña Futura

Avia Veira afirma que dentro dos “proxectos estratéxicos” propostos pola empresa redactora do Proxecto Coruña Futura incluían que a Avenida Alfonso Molina se concibise como unha vía urbana integrada na contorna con carril bici e sendas peonís que a fixesen máis humana. Estas características non están contempladas na ampliación anunciada polo Goberno do Sr. Negreira, que incide na concepción da vía coma unha estrada convencional.

 

Avia Veira: "A ampliación de Alfonso Molina non é a solución á conxestión crónica de tráfico"