MOCIÓN NO PLENO DESTE XOVES 6F

O BNG pide solucións para a antiga Isidro de la Cal

Nave Isidro
Unha das naves da antiga Isidro de la Cal
Jorquera defende que se asignen os “recursos públicos oportunos” para garantir a “pervivencia” dos distintos activos da empresa Isidro 1952, a antiga Isidro de la Cal, ben como o mantemento dos postos de traballo.
O BNG pide solucións para a antiga Isidro de la Cal

Ese é un dos puntos resolutivos da moción que o portavoz nacionalista Francisco Jorquera vai defender no Pleno do Concello deste xoves 6 de febreiro.

Na iniciativa, o BNG insta o Goberno Local a que se dirixa á Xunta para que tome cartas no asunto dunha compañía que, por unha deficiente xestión empresarial, non foi capaz de minguar a súa débeda —segundo fontes do Comité de Empresa rolda os 60 millóns de euros—, presentou un ERE no pasado mes de decembro, incorreu en demoras nos pagamentos das nóminas e está xa incursa en concurso de acredores.

E todo isto a pesar de que a empresa, emblemática dentro das industrias do mar nucleadas arredor do porto da Coruña, é quen de colocar no mercado a práctica totalidade da súa produción e presenta cifras de facturación que se sitúan por volta dos 50 millóns de euros.

Para completar o cadro, hai que sinalar que Isidro 1952, segundo fontes do Comité de Empresa, ten recibido ao longo dos últimos anos axudas públicas, basicamente canalizadas a través do IGAPE, por un monto global na contorna dos 20 millóns de euros.

A este respecto, Jorquera defende na moción que se exerzan as accións xudiciais “que se puidesen derivar de posíbeis neglixencias tanto na xestión da propia empresa como das axudas públicas”.

Coa iniciativa o BNG pretende tamén que se deite luz sobre a totalidade destas axudas públicas (cuantía, orixe e obxecto) e que a Xunta faga un labor de mediación con acredores, clientes actuais e posíbeis investidores para garantir a continuidade da industria e a integridade dos seu cadro de persoal.

O BNG pide solucións para a antiga Isidro de la Cal