O BNG leva ao Parlamento os graves desperfectos da escola infantil e do centro de día de Eirís
A Coruña, 24 de decembro de 2013.- O BNG leva ao Parlamento de Galiza os graves desperfectos da escola infantil e do centro de día de Eirís, con pingueiras xeneralizadas e mesmo cunha parte do teito en risco de se desprender. A parlamentar nacionalista Carme Adán, portavoz do BNG en materia de Benestar, sinala que "falando dunha Escola Infantil e dun Centro de Día este tipo de problemas dificulta o traballo diario e supón un perigo real para todas as persoas usuarias e traballadoras".
Neste contexto, Carme Adán e Carlos Aymerich veñen de presentar unha pregunta para a resposta oral e outra para a resposta escrita en Comisión. A deputada nacionalista pregunta se ten coñecemento a Consellaría de Traballo e Benestar da situación na que se atopan a Escola Infantil e o Centro de Día de Eirís? De ser este o caso, interésase cales son as medidas adoptou e por cales pensa adoptar.
Dado que non se contempla a posibilidade de obras de acondicionamento e tendo presente que esta situación pode ocorrer en máis centros, Carme Adán pregunta como pensa a Consellaría subsanar os problemas das infraestructuras de benestar que están en mal estado. Por último, a deputada do BNG pregunta se pensa emprender algunha acción a Consellaría para pedirlle responsabilidades á empresa construtora por unha obra que logo de dous anos da súa inauguración supón un perigo para as persoas polo seu deterioro.