UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS

O BNG leva ao Parlamento a apertura ao público da Casa Cornide

Furgoneta no garaxe da Casa Cornide
Furgoneta no garaxe da Casa Cornide
A deputada do BNG Mercedes Queixas rexistrou unha batería de preguntas no Parlamento galego por medio das cales se interesa por saber como e cando a Xunta vai garantir a inmediata apertura ao público da Casa Cornide após a publicación no DOG, en maio pasado, da incoación do procedemento de declaración do palacete como Ben de Interese Cultural.
O BNG leva ao Parlamento a apertura ao público da Casa Cornide

Polo simples feito de ter iniciado este procedemento, a familia Franco –titular do inmóbel após telo espoliado durante a ditadura- ten contraído unha serie de obrigas, entre elas a de abrir a Casa Cornide ao público no mínimo 4 días á semana durante 4 horas.

Mais tal obriga non está a ser cumprida, sen que polo de agora a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural se teña dirixido á familia Franco para que efectivamente permita o acceso ao público.

A resolución publicada en maio no DOG regula tamén a protección dos bens inventariábeis da Casa Cornide. Isto significa que calquera traslado de obxectos contidos no palacete ten de ser previamente autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

A familia Franco tería xa que abrir o palacete ao público no mínimo 4 días á semana, durante 4 horas, mais non o está a facer perante a pasividade da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

“Teñen accedido os técnicos da Xunta á Casa Cornide para realizar o inventario dos bens móbeis? Realizou a Xunta xa o necesario inventario?”, inquire a parlamentar nacionalista.

Cumpre lembrar que meses atrás a veciñanza da Cidade Vella denunciara que a familia Franco estaba a retirar obxectos do inmóbel. É por tanto da máxima urxencia que a Xunta cumpra a súa propia resolución, quer no que ten a ver co réxime de visitas quer no que atinxe á protección dos bens móbeis contidos na casa.

Sobre mesmo asunto, a concelleira do BNG Avia Veira dirixiu esta semana unha pregunta ao Goberno Local no Pleno realizado o pasado xoves. A edil nacionalista interpelou o concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín, sobre se o Executivo coruñés se dirixira xa á Xunta para instala a que obrigase a familia Franco a abrir o palacete ao público. Celemín declinou responder.

O BNG leva ao Parlamento a apertura ao público da Casa Cornide