O BNG lembra que o PXOM recolle como zona verde o espazo do "quiosque cívico" de Catro Camiños

O BNG lembra que o PXOM recolle como zona verde o espazo do "quiosque cívico" de Catro Camiños

A Coruña, 6 de agosto de 2013.- Sen cuestionar a necesidade ou non dun centro cultural e de lecer na praza de Catro Camiños, o BNG lémbralle ao sr. Alcalde que o solo onde se quere construír este centro está considerado como zona verde no PXOM. Concretamente no Plano Xeral de Ordenamento Municipal estes terreos (achégase plano dixitalizado) son calificados como zona verde pública (EL (Pb)).

Neste sentido, sinalan as nacionalistas, o art. 5.2.6.2 do PXOM (clase dotacional de espazos libres) non ampara o edificio de equipamento previsto, por moito que o Goberno Local pretenda calificalo fraudulentamente de “quiosco”.

Hai que modificar o PXOM para que esta actuación sexa legal

As nacionalistas salientan que de non proceder á modificación do PXOM neste sentido, o Goberno Local estaría cometendo unha ilegalidade coa realización deste proxecto por ser contraria ao planeamento urbanístico actualmente vixente, no que figura a consideración destes terreos como zona verde pública (EL (Pb)). E é que no PXOM, que entrou en vigor hai máis de un ano e do que apenas nada se ten executado do seu contido, non figura ningún uso dotacional de equipamento ao respecto neste lugar.

A tales efectos o BNG lembra que debe modificarse o PXOM, e non pode empregarse o art. 47.4 da LOUG (cambio de uso dotacional) porque dito artigo só é de aplicación cando se modifica o uso dun equipamento, mais non cando, como é esta situación, o que se modifica é de EL (espazo libre) a equipamento.

E todo isto tendo en conta, sinalan as nacionalistas, que esta actuación presentada onte polo Alcalde, e que semella moi ligada a cuestións electorais, non figura no PXOM, como tampouco estaba previsto no plan xeral o investimento no Parrote-Mariña.

O BNG lembra que o PXOM recolle como zona verde o espazo do "quiosque cívico" de Catro Camiños