A Autoridade Portuaria volve ocultar datos sobre a emisión de partículas en suspensión no porto
A Coruña, 6 de agosto de 2014- Os datos horarios relativos ás medicións PM10 sobre a calidade do aire no porto de San Diego volveron ser publicados na mañá de hoxe despois de que desde a semana pasada a Autoridade Portuaria ocultara estas cifras. Aínda que hoxe están dispoñíbeis os datos horarios relativos ás partículas en suspensión dos días 4, 5 e 6 de agosto, onte non estaban publicados os datos nin do día 4 nin do 5 http://cma.puertocoruna.com/intranet/instrumentacion/ControlEmisiones/ieCaptadorEmisiones.aspx.
O Grupo Municipal do BNG teme que estas ocultacións sexan premeditadas por parte da Autoridade Portuaria, xa que non se chegaron a publicar os datos horarios dos días 28, 29, 30 e 31 de xullo malia que si se fixeron públicos os datos diarios de partículas en suspensións. As nacionalistas advirten dos grandes picos que deberon rexistrarse para que a media diaria do día 28 e 29 de xullo ascendera a 39 µg/m³ e a 41 µg/m³ respectivamente.
Non sería a primeira ocultación
O Grupo Municipal do BNG xa denunciara en setembro de 2013 a desaparición na web da Autoridade Portuaria dos datos dos niveis de emisións de partículas en suspensión PM10 de 15h a 17h do 26 de setembro, cando se superaban os 200 ug/m3. Precisamente, ese 26 de setembro, pasadas as 17h, o Grupo Municipal do BNG enviaba un comunicado de prensa para advertir de que a emisión de partículas transcendía os 200 ug/m3 (203 ug/m3 ás 15h, 161 ug/m3 ás 16h e 206 ug/m3 ás 17h).
As nacionalistas anuncian a presentación dunha pregunta para a resposta escrita co fin de que o Goberno do Sr. Negreira se poña en contacto coa Autoridade Portuaria de cara a coñecer os motivos que levaron a que non fosen publicados os datos horarios da semana pasada.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG espera que a desaparición dos rexistros das emisións máis altas non sexa ningunha acción premeditada da Autoridade Portuaria, pois, daquela, cabería esperar calquera tipo de manipulación dos datos de cara a realizar as medias anuais, tendo en conta que o Real Decreto 102/2011 estabelece que non poden superarse os 50 µg/m³ en máis de 35 veces ao ano.
O BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que mire pola veciñanza
O Grupo Municipal do BNG, que ten denunciado en reiteradas ocasións os problemas de saúde que sofre a veciñanza dos Castros como consecuencia das descargas de graneis a ceo aberto en San Diego, volve emprazar o Goberno do Sr. Negreira a defender os intereses dos veciños e veciñas e non mire só polos negocios da Autoridade Portuaria.