O BNG lembra os atrasos que acumula a obra da fábrica de tabacos
A Coruña, 13 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG lembra que, máis unha vez, o Sr. Negreira, acompañado do conselleiro de Presidencia, chamou os medios de comunicación para sacar as fotografías de rigor preelectoral caracterizadas polos chalecos reflectantes e os cascos de protección- no edificio que albergada a Fábrica de Tabacos e cuxa rehabilitación se prevé que remate aínda en maio de 2016.
As nacionalistas lembran que foron uns cantos os incumprimentos anunciados polo Sr. Negreira en relación aos prazos prometidos para a execución das obras da Fábrica de Tabacos. Porén, o Goberno municipal tratou sempre de agochar os continuos atrasos no comezo das obras que se dilataron máis dun ano- a través de continuos anuncios, sinaturas de convenios e visitas de altos cargos da Xunta de Galiza ao edificio.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Sr. Negreira, máis servil aos seus xefes de partido que á veciñanza, lle regalara á Xunta de Galiza este inmoble emblemático a cambio de nada e de forma indefinida.