O BNG lamenta que o Goberno municipal se limite a pedir diálogo no conflito creado por Albada
A Coruña, 1 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira se limite a pedir diálogo entre Albada e Comité de Empresa como se os traballadores da planta de Nostián tivesen a culpa do recorte de dereitos laborais que pretende impoñerlles a empresa (desmantelamento do convenio colectivo, incremento do horario da xornada laboral e negativa á readmisión dos despedidos). Lamentan tamén as nacionalistas que o Goberno municipal se esfume dicindo que non ten competencias para mediar cando se trata dunha concesionaria municipal que, por riba, lle custa cada vez máis cartos á cidadanía. E todo isto, denuncian, no marco da fraude da reciclaxe, dado o roubo que supón cobrarlle á cidadanía por un servizo, o da reciclaxe, que non se está a prestar. De feito, Albada rexistrou un incremento na facturación do canon do lixo no primeiro trimestre do 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre do 2012, uns cartos que proceden dos petos do pobo.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a actitude do Goberno do Sr. Negreira é máis propio do s. XIX que do s.XXI: a empresa espolia a clase traballadora; a clase traballadora é espoliada e o Concello mira cara outro lado para non meterse co capital.
O Goberno municipal quixo ocultarlle ao BNG a estafa social da reciclaxe, por iso lles impediu ás nacionalistas entrar na planta de Nostián e acceder ao resultado das auditorías
O Grupo Municipal do BNG só ten coñecemento do que vén acontecendo na planta de Nostián a través dos traballadores, que lle confirmaron que a porcentaxe de refugallos que se reciclan é case nula. É este o motivo, sinalan as nacionalistas, polo que o Goberno do Sr. Negreira leva dous anos impedíndolles ás concelleiras do Grupo Municipal do BNG a entrada na planta e é este o motivo polo que tamén lles impediu até en tres ocasións o acceso ás auditorías técnica e económica do servizo de tratamento de refugallos. A prohibición do Goberno municipal de entrada á planta de Nostián e a de acceso ao resultado das auditorías e a súa actitude servil con Albada poñen de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira negocia, ás agachadas, coa empresa.