O BNG interpelará o Goberno municipal polas auditorías de Nostián
A Coruña, 8 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG preguntaralle ao Goberno local no Pleno ordinario deste luns se segue considerando que aínda non é o momento de facer públicas as auditorías medioambiental e económica de Nostián.
As nacionalistas consideran que para saber que é o que acontece en Nostián, ante as denuncias desde diferentes instancias de que a empresa Albada está a incumprir as súas obrigas como concesionaria dun servizo público de tratamento do lixo, cómpre que se fagan públicas. Así pregúntanse polos motivos para que o Goberno do sr. Negreira non faga públicos os resultados e poder coñecer, por parte da cidadanía, a porcentaxe de reciclaxe que realmente se está a realizar na planta.
Uso de locais comúns do Pazo de María Pita
As nacionalistas tamén levarán ao Pleno en forma de pregunta oral a negativa do Goberno local á solicitude de uso de locais comúns a todas as forzas políticas no Pazo de María Pita, impedindo neste último mes que os grupos da oposición puidesen ter xuntanzas cos representantes dos traballadores e traballadoras de Nostián en locais comúns do Pazo municipal.
O BNG insiste que o Goberno do Sr. Negreira ten unha concepción moi patrimonialista e excluínte das cousas públicas e do ben común e que as decisións sectarias do sr. Negreira non se amparan nin no Regulamento Orgánico Municipal nin en ningunha ordenanza. As nacionalistas reiteran que o Goberno do Sr. Negreira considera que as dependencias municipais son unicamente súas, un coto privado para uso e goce dos seus.
Servizos Sociais
O Grupo Municipal do BNG tamén levará ao Pleno ordinario do luns unha pregunta sobre a eficacia dos servizos sociais ante as necesidades que está a sufrir a parte máis vulnerábel da sociedade, logo das mudanzas que levou a cabo o Goberno municipal, desmantelando os servizos sociais comunitarios dos centros cívicos e conlevando un deterioro das prestacións dadas.